Deputación de Lugo

A Deputación achega 25.000 euros á Asociación As San Lucas, sendo a principal patrocinadora desta Feira

- A Deputada de Cultura, o Presidente da Comisión de festas e a Alcaldesa, presentaron esta cita ancestral que se celebrará dende o día 15 ata o 23 de outubro - Esta edición contará cos actos culturais como o concerto de Susana Seivane e Cristina Pato, monólogos, regueifas, sen esquecer a tradicional chegada dos cabalos a Praza da Catedral, a feira de gando con 6.500 euros en premios ou o festival ecuestre  - García Porto remarcou que “dende todas as administracións debemos promover, impulsar, e contribuír e loitar para que as nosas tradicións pervivan e sigan formando parte da nosa esencia”

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, o Presidente da Comisión das San Lucas, Miguel Souto, e a Alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, acompañados doutros membros da organización, presentaron este martes na Deputación unha nova edición das feiras e festas das San Lucas que se celebrarán na cidade episcopal dende o día 15 de outubro ata o 23. A Deputación achega 25.000 euros para á Asociación de Feiras e Festas da San Lucas, organizadora desta cita cabalar, sendo a principal pratrocinadora desta celebración.

O Presidente da Comisión de Festas, Miguel Souto agradeceu a implicación do organismo provincial na celebración das San Lucas. Nesa mesma liña se manifestou a Alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, quen agradeceu a colaboración económica da Deputación. “Permitídeme que personalice este agradecemento no Presidente, Darío Campos, que tivo dende un primeiro momento unha atención como merecen estas feiras, e que é o fiel reflexo de que os políticos para as cousas importantes sempre somos capaces de poñernos de acordo”.

García Porto remarcou que a Deputación “sempre apostará por promover este tipo de citas xa que contribúe a promocionar esta cidade, impulsa a comarca turisticamente e dinamiza a economía de toda a provincia”. Ademais felicitou a comisión organizadora deste importante evento xa que leva moitos anos promovendo esta feira. “Si as San Lucas seguen perdurando no tempo, ano tras ano, é grazas ao empreño xeneroso de xente anónima e desinteresada que non quere perder as súas tradicións. Hoxe aquí acompáñannos Amancio Ares e Pablo, dous mindonienses empeñados en seguir coa tradición de baixar os cabalos ata o campo da feira para que todo mundo poida contemplar este espectáculo marabilloso de ver as cabezas de gando percorrer as rúas empedradas da cidade, como fai 860 anos”, resumiu.

A Deputada destacou a importante programación cultural que presentan As San Lucas 2016. “Todos os que se acheguen a Mondoñedo poderán desfrutar dunha oferta cultural de primeiro nivel como por exemplo o concerto de Susana Seivane e Cristina Pato na Catedral, monólogos de Carlos Blanco, conferencias sobre a historia da cidade, titeres, regueifas, malabares, maxia, encontro de músicas de bailes tradicional ou teatro”, explicou.

Ademais convidou aos organizadores desta feira a seguir este camiño iniciado fai 860 anos. “Dende todas as administracións debemos promover, impulsar, e contribuír e loitar para que as nosas tradicións pervivan e sigan formando parte da nosa esencia. Porque coñecendo e recoñecendo o noso pasado servirá para mellorar o noso futuro”.

Exposición de Vizoso na Deputación
Por último García Porto quixo ter un recoñecemento especial para o autor do cartel destas festas, o artista mindoniense Xosé Vizoso, que cada ano colabora co seu traballo na divulgación das San Lucas. A Deputada definiu a súa obra como o mellor cartelista galego vivo da segunda metade do século XXI. E lembrou que o refectorio da Deputación de Lugo acolle durante todo este mes de outubro unha exposición con parte da súa obra con carteis das San Lucas, a Queimada de Cervo e as festas de Santa Minia, entre outras.

Festas para o revivir tempos ancestrais
Miguel Souto, Presidente da Comisión de Festas e Feiras das San Lucas, agradeceu a implicación da Deputación nesta nova edición. “Este ano celebramos 860 anos desta feira, e esperamos celebrar moitas máis. Por iso queremos convidar a todos os lucenses e todos os visitantes a acudir ao val de Mondoñedo, a celebrar as festas do outono, as feiras das San Lucas, as máis antigas de Galicia e de Europa, e onde poderán desfrutar da feira dos cabalos, de concursos, concertos e un amplo programa cultural. As San Lucas son festas para o reencontro familiar, para compartir e parar revivir tempos ancestrais”. Lembrou que por primeira vez celebrarase o premio cultural Mondoñedo10 de narrativa.

Celebran 860 anos
As festas e feiras das San Lucas celébranse en Mondoñedo dende o ano 1156, cando o rei Alfonso VII concedeulle a Mondoñedo o titulo de cidade, con esta distinción tiña a obriga de a celebrar unha feira de 8 días, que antigamente era de 15.

Esta edición comeza o día 15 ata o 23 de outubro,e cumpre 860 anos. O sábado comeza co pregón da paratriatleta e Diploma Olímpico en Río 2016, Susana Rodríguez Gacio. O domingo día 16, dentro da programación cultural, no Salón de Plenos do Concello ás 17:00 horas haberá unha homenaxe ás Irmandades da Fala no centenario da súa Fundación. E por primeira vez concederase o Premio Mondoñedo10 2016 na modalidade de narrativa. Ademais o artista local Xosé Vizoso recibe un agasallo polos seu 50 aniversario de colaboración con esta feira. A partir das 19:00 horas a Catedral de Mondoñedo será o escenario do concerto de Susana Seivane e Cristina Pato. O luns dia 17 a partir das 18:00 horas e seguindo a tradición secular os cabalos baixaran dende os montes de Mondoñedo e pecorreran as rúas da cidade ata chegar a Praza da Catedral, e onde despois serán vendidos na Feira cabalar. Pola noite a partir das 21:30, na Alameda, celebrarase a III Edición de Voces da Paula, unha gala de música feita por mindonienses. O martes día 18 haberá unha gran feita tradicional de gando no campo da Feira. A partir das 19:30 horas o monologo de Carlos Blanco no Auditorio. O mércores ás 12:00 horas exhibición de deporte rural vasco no Campo da Feira, e pola tarde na casa da Xuventude haberá teatro coa obra “Os soños da gaiola”, titeres e regueifas. O xoves, venres haberá orquestas, actuacións de magos, charlas ou xogos populares. O sábado haberá un espectáculo-demostración de tallado artístico en madeira con motoserras, xogos celtas populares e encontro de música e baile tradicional na Praza da Catedral; ademais do concerto no auditorio de Mayor Tom y Still River e pola noite para os máis novos con Fonsi Nieto, Xriz, DKB, Habana eventos, Vallejo e Marcos Peón. O domingo dia 23 péchanse estes días de feira con contacontos, teatro, orquestas e unha sesión de fogos artificiais como remate das festas.

6.500 euros en premios para gando
As feiras das San Lucas reparten este ano 6.500 euros en premios nos diferentes concursos de gando. O Domingo día 16, a partir das 11:00 horas, celebrarase no campo de feira a gran final da Copa Galicia de cabalos e Eguas de pura raza galega. O luns día 17, a partir das 18:00 horas será a gran chegada cabalar polas rúas da cidade ata a a feira. O martes dia 18 terá lugar a gran feira tradicional de gando cabalar, e pola tarde ás 17:30 horas, no recinto da granxa gran festival ecuestre. O domingo día 23 de outubro a partir das 11:30 horas Concurso de andadura galega, e ás 16:30 horas V Concurso de andadura de cabalos trotóns na Granxa.