Deputación de Lugo

O Presidente asina con 7 Alcaldes convenios de 1 millón de euros da Deputación para mellorar servizos públicos no rural

- Campos Conde explicou que “este investimento enmárcase na nosa aposta pola mellora de servizos públicos municipais e a máxima cooperación cos 67 municipios da provincia, pois este Goberno Provincial está a colaborar con todos” - Este investimento é para a dotación e mellora de servizos públicos municipais en As Nogais, Carballedo, Negueira de Muñiz, Palas de Rei, Pol, Viveiro e Xermade  

O Presidente, Darío Campos Conde, e 7 Alcaldes da provincia asinaron este venres convenios de colaboración mediante os cales a Deputación inxecta nos Concellos de As Nogais, Carballedo, Negueira de Muñiz, Palas de Rei, Pol, Viveiro e Xermade 1 millón de euros para mellorar servizos públicos no rural.  O organismo provincial ofrece aos municipios un anticipo do 90% do presuposto que lle corresponde para facilitar e axilizar a execución dos traballos. 

Campos Conde explicou que “este investimento enmárcase na nosa aposta pola mellora de servizos públicos municipais, especialmente en zonas rurais, e a máxima cooperación cos 67 municipios da provincia, pois este Goberno Provincial está a colaborar con todos os Concellos lugueses, levando novas inversións para beneficiar a cada un dos máis de 350.000 veciños da nosa provincia”. 

Este investimento de 1 millón de euros da Deputación distribúese do seguinte xeito:

- As Nogais: O organismo provincial inviste 120.000 euros. Este presuposto é para o remate da antiga escola taller e para unha pista de tenis.

- Carballedo: 99.387 euros para a construción dun campo de fútbol de herba artificial.

- Negueira de Muñiz: 76.740 euros para a construción dun drenaxe transversal no río Cima da Pasada, no vial Negueira-Pieiga.

- Palas de Rei: 230.000 euros para melloras nas instalacións do campo de fútbol.

- Pol: 215.000 euros para novas traídas de auga e adquisición de maquinaria para o servizo de conservación de estradas municipal.

- Viveiro: 200.000 euros para o acondicionamento de accesos á praia de Area e ao colexio e igrexa parroquial de Covas; a mellora da rede de saneamento no Camiño Real; e a posta en valor da ruta de sendeirismo dende o Monte de San Roque ao do Penedo do Galo; así como para o desenvolvemento de actividades divulgativas e culturais dirixidas, especialmente, a cativos e maiores.

- Xermade: 150.000 euros para melloras na rede viaria municipal; o acondicionamento de pistas forestais; a dotación de depósitos de auga; arranxo de beirarrúas e locais municipais; melloras na Casa da Cultura e da Escola de Candamil; así como para a compra de maquinaria co que acondicionar vías locais.