Deputación de Lugo

O Goberno acorda as derradeiras obras de 1,6 millóns do Plan Integral da rede viaria provincial do 2016

Son melloras en 30 quilómetros de 8 vías nos Concellos de Xermade, Vilalba, A Pontenova, As Nogais e Sober

O Executivo acordou este venres na Xunta de Goberno as derradeiras obras do Plan Integral da rede viaria provincial do 2016. O voceiro do Executivo da Deputación, Álvaro Santos Ramos, explicou que se tratan de actuacións de 1.644.224 millóns de euros para  arranxar 30 quilómetros de 8 vías en 6 municipios. Con estes traballos, o Goberno Provincial suma a través de dita programación un investimento total de 6 millóns e 120 quilómetros de melloras en 40 estradas de 26 Concellos.

As actuacións acordadas na sesión de hoxe son as seguintes:

- En Xermade, o Goberno aprobou a contratación de melloras nun treito de 2 quilómetros, concretamente, entre os puntos quilométricos 2 e 4, da LU-P-2204, de Momán ás Pontes a Porto Souto, con 284.024 euros.

Estes traballos súmanse aos executados entre os quilómetros 0 e 2, con outros 250.000 euros. O obxectivo e compromiso cos veciños do Executivo da Deputación é arranxar toda a vía ao longo do actual mandato.

Tamén en Xermade, o Goberno aprobou a contratación do arranxo dun treito de 2 quilómetros, dende o 10,200 ao 12,200, da LU-P-6513, de Vilalba a Camposo de Foxo de Penamaior e rampa a Xermade, con máis de 95.300 euros.

- En Vilalba, o Goberno aprobou a adxudicación das obras de mellora dun treito de case 1 quilómetro, dende o 4,670 ao 5,490, da LU-P-6502, de Vilalba por A Balsa a Chavín, con case 50.000 euros.

- Na Pontenova, o Goberno aprobou a contratación do arranxo dun treito 11 quilómetros, dende o 16,500 ao 27,570, da LU-P-1904, da Fonsagrada á Pontenova, con preto de 203.000 euros.

Tamén no municipio pontenovés, acordou iniciar o proceso de adxudicación das melloras dun treito de máis de 4,3 quilómetros, dende o 0 ao 4,360, da LU-P-4802, de Xinzo por Navallo a Ponte Soutelo, con 514.400 euros.

- En Pol, o Goberno acordou a contratación das obras de acondicionamento dun treito de case 1,5 quilómetros, dende o 3,510 ao 5,010, da LU-P-4603, de Torneiros por Hermunde a Pol, con 61.100 euros.

- Nas Nogais, o Goberno aprobou o inicio do proceso de contratación das actuacións de mellora dun treito de 5,7 quilómetros, dende o 0,100 ao 5,800, da LU-P-3701, das Nogais, por Pintinidoira á C.P.-4504, con 104.000 euros.

- En Sober, o Goberno acordou arranxar un treito de case 2,5 quilómetros, dende o 8,260 ao 10,720, da LU-P-5903, de Sober a Doade, con 332.400 euros. O proceso de contratación destes traballos porase en marcha nas vindeiras semanas.