Deputación de Lugo

Volve Movémonos, o programa deportivo, saudable e social da Deputación no rural lugués

- Máis de 1.300 lucenses maiores e con capacidades diferentes de 82 asociacións de toda a provincia participarán nas actividades gratuítas desta programación - Campos Conde explicou que con este programa “promovemos a actividade física moderada en colectivos de distinta índole afincados en concellos lucenses, cuxo acceso á práctica deportiva e aos seus beneficios se atopa limitado”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este venres xunto co Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, no anexo ao Pazo Universitario, o Movémonos, o programa deportivo, saudable e social que o organismo provincial retoma este mes de outubro no rural lugués. Ao acto tamén acudiron ducias de maiores e persoas con capacidades diferentes de Concellos de toda a provincia que participan nesta programación. De feito, fixeron unha demostración das actividades que realizan nas clases do Movémonos.

Campos Conde explicou que “Movémonos está encamiñado a vencer os obstáculos que dificultan a práctica deportiva, promovendo a actividade física moderada en colectivos de distinta índole afincados en concellos lucenses, cuxo acceso á práctica deportiva e aos seus beneficios se atopa limitado”.

82 asociacións de toda a provincia
Un total de 82 asociacións, 25 da zona norte, 41 do centro e 17 do sur da provincia participan neste programa, achegando numerosas actividades deportivas a máis de 1.300 lucenses maiores ou con capacidades diferentes. Movémonos comezará o día 13 de outubro e prolongarase ata finais de ano.

Compalgo - Fundacion O Noso Lar

Actividades
A metodoloxía de traballo basearase no Enfoque educativo do Construtivismo, o cal concibe a aprendizaxe como resultado dun proceso de construción persoal-colectiva dos novos coñecementos, a partir dos xa existentes e en cooperación cos compañeiros/as e os/as facilitadores/as. As actividades que se ofrecerán son as seguintes:

- Multideporte: Actividade de carácter deportivo multidisciplinar. Esta actividade dá a posibilidade de iniciarse en varios deportes coa finalidade de que se poida escoller o que máis adecúe ás posibilidades e/ou intereses das persoas participantes.

- Ximansia de mantemento: Actividade dirixida que se basea nun conxunto de actividades encamiñadas á conservación e mellora da condición física, alcanzando un estado físico óptimo mediante o desenvolvemento de exercicios físicos de mantemento, tonificación e coordinación de forma xeral.

- Acondicionamento físico e aeróbico: O aeróbic é un tipo de exercicio capaz de estimular a actividade cardiovascular e respiratoria durante un tempo o suficientemente longo, como para producir nonoso corpo determinados beneficios como mellorar a saúde, previrenfermidades, mellorar a forma física, incrementar o ritmo metabólico, eliminar graxas de reserva e reducir a tensión.

- Pilates: Traballa a musculatura profunda e superficial unindo aspectos do concepto de actividade física occidental e oriental a través de exercicios dinámicos, control do movemento, fluidez e respiración.

- Actividades para persoas con capacidades diferentes: Actividade física baseada na adaptación da tarefa ás capacidades de cada individuo. Dentro deste tipo de actividade englóbanse todas aquelas modalidades deportivas que se adecúan a persoas con diferentes capacidades, ben porque se realizaron unha serie de adaptacións e/ou modificacións para facilitar a práctica a ese colectivo, ou porque a propia estrutura do deporte permite a súa práctica sen adaptacións relevantes.

- Ximnasia Rítmica: A ximnasia rítmica é unha disciplina que combina elementos de ballet, ximnasia, danza e o uso de diversos aparellos como a corda, o aro, a pelota, as mazas e a cinta.