Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación aproba as novas axudas de 75.000 euros para deportistas lucenses

Imaxe deputación de lugo
- O Executivo aprobou este venres en Xunta de Goberno as subvencións para deportistas individuais e as novas bases que rexen a súa concesión. O prazo de solicitude abrirase este mesmo mes - Por 1ª vez, valoraranse os resultados acadados nas competicións provinciais, galegas, estatais e internacionais. Ademais, duplícase, con respecto ano ano pasado, o orzamento das axudas para deportistas con capacidades diferentes - Establécense catro grupos de beneficiarios: deportistas de ata 16 anos (40.000 euros), de 17 ata 25 anos (20.000 euros), de 26 ata 35 anos (5.000 euros) e para deportistas con capacidades diferentes, sen límite de idade (10.000 euros)

O Executivo da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno as axudas para deportistas individuais da provincia, así como as novas bases que rexen este proceso de concorrencia competitiva. O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, explicou que “renovamos totalmente as bases co obxectivo de premiar o esforzo competitivo e favorecer a actividade de persoas con capacidades diferentes, duplicando o orzamento para este colectivo con respecto ao ano pasado”.

Esta programación está dotada de 75.000 euros. Poden acceder ás bolsas todos os deportistas da provincia de Lugo que posuíran ficha federativa durante o ano 2015 e que dende o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do 2015 participaran en competicións deportivas oficiais, tanto de carácter provincial, galego, estatal como internacional, e manteñan na data de presentación de solicitudes a súa actividade competitiva oficial e federada.

O prazo abrirase previsiblemente este mesmo mes, unha vez que as bases sexan publicadas na Base Nacional de Subvencións e no Boletín Oficial da Provincia.

Axudas de ata 2.000 euros
O Goberno da Deputación decidiu establecer novos criterios de valoración para “unha concesión máis transparente e xusta, premiando o esforzo dos deportistas”. Deste xeito, por 1ª vez se terán en conta os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais.

As axudas, que terán un importe máximo de 2.000 euros e un importe mínimo de 300 euros cada unha delas, están dirixidas a 4 grupos de beneficiarios segundo a idade dos aspirantes a data de 31 de decembro de 2015:

- Ata 16 anos (todos os/as nacidos no ano 1999 e posteriores). Para este grupo destinaranse un total de 40.000 euros do orzamento total da convocatoria, fomentando o deporte base.

- De 17 ata 25 anos (nacidos/as no período comprendido entre o ano 1990 e 1998, ambos os dous incluídos). Para este grupo destinaranse 20.000 euros do orzamento total da convocatoria.

- De 26 ata 35 anos (nacidos/as no período comprendido entre o ano 1980 e 1989, ambos os dous incluídos). Para este grupo destinaranse 5.000 euros do orzamento total da convocatoria.

- Deportistas con capacidades diferentes (sen límite de idade) que participen nas distintas competicións e disciplinas. Para este destinaranse 10.000 euros do total do orzamento da convocatoria, o que supón o dobre que no 2015.

Premio ao esforzo competitivo
Para premiar o esforzo competitivo, elaborouse unha nova táboa de baremación, que é a seguinte: