Deputación de Lugo

A Deputación aproba obras de 118.000 euros na Ponte Casas do Río en Cervantes

- O Presidente e o Alcalde supervisaron o estado da ponte na que se van a executar melloras hoxe aprobadas polo Executivo Provincial na Xunta de Goberno - A Deputación achega 50.000 euros e o Concello 14.260 de fondos propios, así como outros 53.700 que logrou captar coa colaboración do organismo provincial tras concorrer a axudas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, informou este venres sobre a aprobación na Xunta de Goberno da Deputación das obras de mellora na Ponte Casas do Río, que se sitúa neste municipio, así como do inicio do proceso de contratación destes traballos, dotados de 118.000 euros. 

Desta cantidade o organismo provincial achega 50.000 euros e o Concello de Cervantes 14.260 de fondos propios, así como outros 53.700 euros que o municipio, coa colaboración da Deputación, logrou captar tras concorrer a axudas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
 
Campos Conde subliñou “o compromiso do Goberno por mellorar as infraestruturas do rural para ofrecer servizos de calidade aos veciños, pois defendemos a vida no rural e do rural”. O Presidente apuntou que esta ponte é o nexo de unión coa localidade de Cervantes de 8 núcleos rurais -Bazal, Vilaespasante, Vilapun, Viladeite, Vilarguite, Teixeita, Pintidoira e as Covas-; nos que viven máis de 350 veciños. O Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, agradeceu a “constante colaboración do Goberno da Deputación en actuacións vitais para o noso Concello”.

Traballos
As obras que se levarán a cabo consisten na demolición dun dos pasos, na colocación de novos estribos, na instalación dun novo taboleiro e na mellora da capacidade hidráulica. O prazo de execución, unha vez contratados os traballos, é de 3 meses.