Deputación de Lugo

Aberto o Mercado de Nadal da Deputación con 11 postos de artesanía, demostracións, obradoiros, maxia...

O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo inauguraron este venres o mercado que promove a artesanía  e dinamiza o comercio ata o 5 de xaneiro

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inauguraron este venres o Mercado de Nadal, que organiza o Goberno Provincial na Praza de San Marcos para promover artesanía e dinamizar o comercio, pois 11 profesionais do sector teñen á venda os seus produtos e inclúe a celebración de máis de 60 actividades gratuítas como demostracións en vivo de oficios tradicionais, obradoiros para nenos, actuacións das corais da provincia e de maxia. Xunto ás que organiza o Concello de Lugo, a cidade acollerá durante estes días preto de 200 actividades para todos os públicos.

O Mercado de Nadal da Deputación está aberto ata o 5 de xaneiro. Pechará o 25 de decembro e 1 de xaneiro. Os postos abrirán de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O 24 e 31 de decembro o horario de tarde será de 16:00 a 18:30 horas.

Programación das actividades que hai todos os días

Sábado 17 de decembro

- De 12:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- De 16:00 a 21:00 horas. Calendario de advento. Neste obradoiro realizarase un calendario de advento, utilizando fundamentalmente materiais de refugallo e diferentes compoñentes decorativos. Con este fermoso detalle, os participantes levarán un recordo aos seus fogares de creación propia, co cal contar os días que restan ata a chegada do Nadal, podendo comer lambetadas ao longo deste tempo de espera.

Domingo 18 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Cabuxa (Marroquinería) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 12:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago.

- De 16:00 a 21:00 horas. Crea e conta o teu conto de Nadal. Dun xeito creativo e orixinal e coa utilización de diferentes materiais funxibles, levarase a cabo un conta contos, no que as persoas participantes traballarán diferentes temáticas relativas á educación en valores e a igualdade, contos con protagonistas con nome propio, tales como A Apalpadora ou As 3 Raíñas Magas.

Luns 19 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Amalgama (Pratería) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 19:00 horas. Cantar Delas actuará na Praza de San Marcos, na Rúa do Progreso e na Rúa da Raíña.

- Ás 20:00 horas o Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago actuará na Rúa da Raíña, na Praza Maior e na Praza do Campo.

Martes 20 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Artesanía O mestizo (Marroquinería) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 20:00 horas. Conxunto Vocal LUGH actuará na Rúa da Raíña, na Praza Maior e na Praza do Campo.

Mércores 21 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Barro en Vivo (Cerámica) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 19:00 horas. Schola Gregoriana Lucensis actuará na Praza de San Marcos, na Rúa do Progreso e na Rúa da Raíña. Ao mesmo tempo na Parroquia de San Francisco Xavier actuará a Coral Polifónica Xolda.

- Ás 20:00 horas. Coral Ecos do Miño actuará na Rúa da Raíña, na Praza Maior e na Praza do Campo.

- Ás 21:00 horas. Orfeón Xoán Montes actuará na Parroquia de San Froilán.

Xoves 22 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Lanalutum (Cerámica) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 16:00 a 21:00 horas. Figuras de Belén con material de refugallo

Utilizando diferentes materiais, tanto funxibles como de refugallo, levarase a cabo a representación manual plástica das 3 figuras máis representativas dun Belén: Xosé, a Virxe e o Neno Xesús. Unha creación, na que os verdadeiros protagonistas, serán os propios participantes.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 19:00 horas. Coral Polifónica Xolda actuará na Praza de San Marcos, na Rúa do Progreso e na Rúa da Raíña.

- Ás 20:00 horas. Coral do Hospital Xeral Calde actuará pola Rúa Bispo Aguirre, Rúa da Raíña, Rúa do Progreso e Rúa de San Marcos. Á mesma hora na Parroquia do Sagrado Corazón actuará o Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago.

Venres 23 de decembro

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- De 16:00 a 21:00 horas. Adornos de neve 1: Bolas con porexpan

A decoración da árbore de Nadal, é un dos acontecementos máis entrañables e familiares desta época. É por iso que engadimos nesta programación a realización dun obradoiro doado e fermoso, na que os participantes decorarán bolas de porexpan con motivos propios desta data.

Sábado 24 de decembro

- De 12:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago.

- O 24 de decembro ás 12:00 horas.- actuará o Coro San Antonio na Praza de San Marcos, Praza de Santo Domingo e na Rúa da Raíña. Á mesma hora, na Praza de San Marcos actuará a Asociación Músico Vocal Xeada.

Luns 26 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Lucecús (Complementos de moda) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 18:30 horas. Coro San Antonio actuará na Parroquia de Saamasas.

- Ás 19:30 horas. Cantar Delas actuará na Parroquia de San Pedro.

Martes 27 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Mis Marinillas (Complementos de moda) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 18:00 horas. Asociación Galega de Artes Escénicas Fingoi actuará na Praza de San Marcos, na Rúa do Progreso e na Rúa da Raíña.

- Ás 20:15 horas. Conxunto Vocal LUGH actuará na Parroquia de San Antonio actuará o

Mércores 28 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración de M&N Joyas (Xoiería) no Mercado de Nadal da Deputación.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 18:30 horas. Asociación Galega de Artes Escénicas Fingoi actuará na Parroquia de San Lázaro.

- Ás 19:00 horas. Coral Ecos do Miño actuará na Parroquia de San Francisco Xavier.

- Ás 20:00 horas. Orfeón Lucense actuará na Rúa da Raíña, Praza Maior e Praza do Campo.

Xoves 29 de decembro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Regal Cerámica Artesán (Cerámica) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 16:00 a 21:00 horas. Xogamos cos sentidos

Actividade de integración e sensibilización sensorial dos máis cativos, na que xogarán utilizando e pescudando con diferentes sentidos. Para elo, deberán superar probas utilizando obxectos cos que agudizar a vista, o olfacto ou inclusive servirse do tacto para pescudar un obxecto determinado.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 19:00 horas. Coral do Hospital Xeral Calde actuará na Parroquia de San Francisco Xavier

- Ás 19:30 horas. Novo Amanecer actuará na Parroquia de Albeiros

- Ás 20:00 horas. Orfeón Lucense actuará na Parroquia da Milagrosa

Venres 30 de decembro

- De 16:00 a 21:00 horas- Adornos de neve 2: tarros de cristal

Utilizando tarros de cristal fundamentalmente e outros materiais específicos de manualidades, os participantes crearán unha fermosa estrutura decorativa con motivos de Nadal. Utilizaranse pequenos obxectos que se pegarán na tapa e decorarase o tarro ao gusto de cada quen.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 20:30 horas. Schola Gregoriana Lucensis actuará na Parroquia de Santiago A Nova

Sábado 31 de decembro

- De 12:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 18:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

- Ás 12:00 horas. Novo Amanecer actuará na Praza de San Marcos, Praza de Santo Domingo e Rúa da Raíña

Luns 2 de xaneiro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Tres Caracoles (Marroquinería) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 16:00 a 21:00 horas. Pintacaras

Típico obradoiro, no que o monitor fará algunha creación artística na faciana dos participantes, a través da cal, levarán “tatuado” temporalmente un recordo tras o seu paso pola feira.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

Martes 3 de xaneiro

- De 12:00 a 14:00 horas. Demostración en vivo de Zimzelatum (Pratería) no Mercado de Artesanía da Deputación.

- De 16:00 a 21:00 horas. Globoflexia

Un obradoiro no que o monitor realizará diferentes figuras básicas utilizando globos e no que tamén, a aqueles participantes “máis atrevidos”, se lles ensinarán os pasos a seguir para realizar algunha destas creacións.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

Mércores 4 de xaneiro

- De 16:00 a 21:00 horas. Obradoiro con serpentinas de cores

Para a realización destas actividades, levaranse a cabo diferentes creacións artísticas utilizando serpentinas de cores. Estas manualidades creativas, son moi sinxelas de levar a cabo e as creacións dos pequenos artistas, son tan variadas, como a súa propia imaxinación.

- De 17:30 a 19:30 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

Xoves 5 de xaneiro

- De 12:00 a 13:00 horas. Actuación de maxia O Baúl do Mago

Artesáns

Os participantes no Mercado de Nadal da Deputación son todos profesionais, que crean pezas propias. Os materiais que empregan son transformados dende unhas materias primas autóctonas: ferro, coiro ou cerámica, entre outras. Os 11 participantes son os seguintes:

- Alfonso Otero Regal: O nome do posto é Regal Cerámica Artesán. É de Nois pero leva traballando todo a súa vida en Viveiro. Amosa os produtos de cerámica elaborados en gres a alta temperatura e decorados a man por el mesmo.

- Ana Belén Barral Valiña: Esta artesá que participa no Merca en Lugo polo Nadal, co seu posto Lucecús, crea complementos de moda con feltro e bonecos de lá realizados coa técnica de tecer xaponesa amigurumi. Todos os produtos son feitos a man e encárgase de todo o proceso, dende os deseños ata o empaquetado.

- Mónica García Grandío: Dedícase á artesanía dende fai cinco anos, ao quedarse sen traballo e dispoñer de máis tempo libre comezou a facer cousas para a súa nena Marina, que da nome ao seu posto Complementos Mis Marinillas, no que vai a expoñer diferentes complementos de moda e deseño.

- Roberto Lascano Lascano: Artesanía o mestizo é o nome do posto co que participa este artesán no Merca en Lugo polo Nadal. Roberto ten unha tenda online http://omestizo.blogspot.com.es/ na que vende todos os produtos que produce con coiro como bolsos, mochilas ou carteiras entre outros, mesturando técnicas galegas e de distintos puntos do mundo como Sudamérica.

- María Rodríguez Arias: Ofrece os seus traballos de xoiaría no taller M&N Joyas situado na capital lucense. Empezou a traballar no sector da artesanía hai 10 anos e unha das súas especialidades e o deseño e confección de colares en prata e pedras semipreciosas.

- Ana Isabel Novo Barreiro: Co seu posto Tres Caracoles, amosa todo o seu traballo co coiro como moedeiros, bolsos, fundas de móbil, entre outros complementos. Dedícase profesionalmente dende fai 5 anos e ten un taller/tenda na cidade de Lugo onde se exhiben todos os produtos feitos a man por expertos artesáns.

- Rosa María González Alonso: Co seu posto Zimzelatum ofrece pezas e coleccións de xoiería e decoración, partindo da materia prima (prata, cobre, alpaca ou latón normalmente en chapa) e decorándoas con técnicas de cincelado, batido ou picado.

- Adolfo Domínguez: Este artesán participa co posto Amalgama. Leva máis de 20 anos dedicados a traballar con xoiería e posúe unha tenda na cidade, Amalgama, na que ofrecen talleres e espazos para achegar á xente a artesanía.

- Inmaculada Díaz Cabado: Esta artesá participa co posto Barro en vivo, como o nome do taller que ten na cidade de Lugo. Esta ceramista amosará parte do seu traballo como cuncos, animais ou debuxos animados, entre outros, que deseña, crea e pinta ela mesma.

- Ana María Alonso Pérez: Esta artesá participa co posto Cabuxa, na que ofrecerá todo tipo de marroquinería en coiro como bolsos, mochilas, moedeiros ou billeteiras. Todo o proceso de creación cóidao ao detalle, dende a selección das peles en curtidurías nacionais e italianas sustentables, ata o procesado, a estampaxe e o ensamblado manual de cada peza.

- María Isabel Carril Quiroga: No ano 2011 decide emprender un novo camiño e centrarse no ganchillo e as manualidades, dedicarse exclusivamente á cerámica, coa apertura dunha nova tenda online www.lanalutum.com. No seu posto Lanalatum ofrecerá artesanía utilitaria como pratos, vasos ou cubertos, tamén produtos de decoración y de xoiería: colares, aneis, pendentes, etcétera.