O Goberno da Deputación e 7 Concellos lucenses impulsan en colaboración con Asturias a creación da Gran Senda do Navia
-OExecutivo Provincial coordina os grupos de traballo dos7 Concellos lucenses: Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
- Representantes dos municipios galegos e asturianos reuniranse de forma paralela o vindeiro luns, en Lugo e Boal, respectivamente
O Goberno da Deputación manterá un encontro o luns,13 de febreiro, cos representantes dos 7 Concellos lucenses implicados na creación da Gran Senda do Navia, un proxecto no que tamén participan outros 9 Concellos asturianos, así como o Principado de Asturias, para crear de forma conxunta unha senda peonil e cicloturista ao longo do curso do río Navia.
O encontro reunirá en San Marcos aos grupos de traballo dos Concellos de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna , Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, así como a representantes da Federación Galega de Montañismo, que, baixo a coordinación do Goberno da Deputación, estudarán as diferentes propostas para deseñar o trazado da Gran Senda do Navia que discorre pola provincia de Lugo.
Paralelamente,a Casa de Cultura de Boal acollerá a reunión dos representantes dos Concellos asturianos de Allande, Boal, Coaña, Grandas, Ibias, illano, Navia, Pesoz e Villayón, que, coordinados polo Principado, avaliarán o itinerario que atravesa as terras asturianas. Ademais, terán en conta as propostas da Federación de Montañismo da súa comunidade.
A Gran Senda do Navia é un proxecto impulsado polos Concellos de Galicia e de Asturiaspara crear unha gran ruta ao longo do río Navia, desde o seu nacemento nas proximidades do Cebreiro ata a desembocadura no mar Cantábrico, cunha extensión de máis de 360 quilómetros. A senda conecta os Camiños Francés, Primitivo e Norte e conta con recursos de interese paisaxístico, etnográfico e patrimonial.
Os Concellos promotores buscarán financiamento para desenvolver a senda a través do programa Camiños Naturais, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Con este proxecto, búscase contribuír ao desenvolvemento de catro comarcas pertencentes a dúas comunidades autónomas, que suman unha poboación de 33.000 habitantes.