Deputación de Lugo

O IV Rally Turístico Terras do Incio chega a Lugo da man da Deputación

- Eduardo Vidal recibiu aos participantes da cuarta edición da proba, composta por 25 coches clásicos chegados de toda España - O organismo provincial colabora cunha achega económica de 2.500 euros na organización do evento co obxetivo de promocionar o turismo, a gastronomía e a cultura local - Os vehículos quedarán expostos na Praza de San Marcos esta tarde a partir das 17.30 e ata as 21.00 horas

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, recibiu este sábado aos participantes da cuarta edición do Rally Turístico Terras do Incio á súa chegada á Deputación de Lugo. Vidal Baamonde sinalou que "esta iniciativa fai posible mostrar a riqueza paisaxística da nosa provincia. Desexamos que todos os participantes, chegados de diferentes puntos do país, desfrutárades da montaña lucense e a Ribeira Sacra de modo que poidades convertirvos en voceiros do noso patrimonio".

A Deputación de Lugo colabora cunha achega económica de 2.500 euros na organización deste rally cuxo principal obxectivo é percorrer algúns puntos emblemáticos da provincia, achegando aos participantes a súa cultura, gastronomía e paisaxes, ademais de colaborar co desenvolvemento da economía local.

Despois de varios días de competición, nos que os participantes percorreron as terras de Astorga, Ponferrada, e o Barco de Valdeorras, e Sober onde coñeceron a olería de Gundivós e o Mirador de Cadeiras. Pola tarde dirixíronse ao municipio ourensano de Leiro onde pernoitaron e, dende ese punto, sairon este sábado cara Monforte de Lemos. Alí visitaron o Museo do Ferrocarril e logo foron á Pobra do Brollón, onde coñeceron as bodegas de Vilachá. No Incio percorreron o Pantano de Vila Souto ata chegar a Lugo.

Ao redor das 17.30 horas os participantes estacionarán os seus exclusivos vehículos na Praza de San Marcos, enfrente do edificio da Deputación onde quedarán expostos ata as 21.00 horas para desfrute dos lucenses e turistas, en tanto que os competidores realizarán visitas de interese cultural como as rutas fluviais ou a Muralla.

Deste xeito, o evento combina visitas lúdicas, etnográficas, culturais... facendo as delicias dos competidores chegados de diferentes puntos da xeografía española tales como Ibiza, Valencia, Zaragoza, Logroño, Pamplona, Cuenca, Salamanca, Madrid, Barcelona, Vigo e Tarragona.

Participantes
Os organizadores do IV Rally Turístico Terras do Incio apuntaron que esta proba é un escaparate exclusivo de coches clásicos xa que nel "participan os modelos máis exclusivos de España que son auténticas xoias". En total serán 25 coches clásicos, entre os que destacan un modelo Maseratti Vignale, valorado nun millón de euros, un Morgan, un Jaguar 120XK, un Mustang do ano 1964, un Rolls Royce-Corniche, un Aston Martin DB6 e un Mercedes 190 SL, entre outros.