Deputación de Lugo

Máis de 200 traballadores asumen a roza da rede viaria provincial máis extensa de España

- O Presidente supervisou estes traballos, de 700.000 euros, que “cumpren un dobre obxectivo: a mellora das estradas provincias e o mantemento de 208 empregos” - 19 autónomos e pequenas empresas da provincia rozarán con 60 máquinas e de xeito manual –sen produtos químicos- un total de 21.200 quilómetros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, supervisaron este martes os traballos de roza que se están a levar a cabo na rede viaria provincial máis extensa de España ao superar os 4.300 quilómetros. Campos Conde destacou que “estas actuacións, nas que investimentos 700.000 euros, cumpren un dobre obxectivo: a mellora das estradas provinciais e o mantemento de máis de 200 postos de traballo”.

O organismo provincial contratou a 19 autónomos e pequenas empresas da provincia para a execución do plan de desbroce e roza da rede viaria provincial. Son 208 traballadores destas entidades os que están a levar a cabo estas actuacións.

Nas estradas provinciais, hai despregadas 60 máquinas. A roza é mecánica e manual, é dicir, non se emprega ningún tipo de axente químico, a diferenza doutras administracións, para protexer e respectar o medio ambiente.

Os máis de 4.300 quilómetros de vías tradúcense en 8.600 quilómetros de paseos, 8.600 quilómetros de taludes e 4.500 quilómetros de gálibo, nos que hai que eliminar a vexetación herbácea e arbústica. Isto supón un total de 21.200 quilómetros nos que se realizarán estas tarefas.  

Zonas de actuación
Debido á dificultade que conlevan estes traballos, tendo en conta que a maioría das estradas non sobrepasan os 5 metros de ancho e teñen cunetas cun grande desnivel, decidiuse facer unha división en 19 zonas de actuación completamente diferenciadas, co fin de adecuar os traballos ás necesidades de cada unha delas.

Zona 1: Viveiro, Xove, Vicedo, Xermade e Ourol
Zona 2: Foz, Cervo, Alfoz, Valadouro, Burela, Ribadeo, Barreiros, Lourenzá e Muras
Zona 3: Vilalba e Abadín
Zona 4: Mondoñedo, A Pontenova, Riotorto e Trabada.
Zona 5: Begonte, Guitiriz, Rábade, Cospeito e Outeiro de Rei
Zona 6: Castro de Rei, Pol e Pastoriza
Zona 7: Castroverde, Meira, Ribeira de Piquín, Lugo e Corgo
Zona 8: Fonsagrada e Negueira de Muñiz
Zona 9: Friol
Zona 10: Becerreá, Baleira, Antas de Ulla e Carballedo
Zona 11: Navia de Suarna, Monterroso e Taboada
Zona 12: Baralla, Cervantes, As Nogais e Triacastela
Zona 13: Portomarín e Paradela
Zona 14: Samos, Chantada e Incio
Zona 15: Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón
Zona 16: Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro
Zona 17: Sober, Ribas do Sil e Quiroga
Zona 18: Pantón e Saviñao
Zona 19: Guntín, Palas de Rei, Bóveda, Sarria, Láncara e O Páramo