Deputación de Lugo

Campos Conde pon en valor a gastronomía da provincia como “un dos recursos que fai que Lugo te cambie”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e ao Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, José Francisco Real Castro, entre outras autoridades, participou este martes na presentación da X Edición da Guía Turístico-Gastronómica da APHEL.                  

Campos Conde reivindicou e puxo en valor que “en Lugo temos recursos que ninguén debe perderse. En cada un dos nosos 67 Concellos, temos específicas xoias naturais, patrimoniais, culturais e gastronómicas, que temos que descubrir. Garántovos que Lugo Cámbiate”.

O titular provincial destacou tamén que “cada un dos recunchos da nosa provincia que visitemos, dende as praias da Mariña, a montaña dos Ancares e do Courel, os viñedos da Ribeira Sacra, ou os ríos e lagoas das 3 Reservas da Biosfera recoñecidas pola UNESCO, producen sensacións únicas que se transmiten a través da vista, o tacto, o oído e, por suposto, o gusto”.

“Porque unha visita á nosa preciosa Costa ten que incluír una parada, polo menos, un establecemento hostaleiro para saborear os nosos produtos pesqueiros; unha visita á Montaña un bo prato de produtos cárnicos; e unha á Ribeira Sacra, unha cata dos nosos viños. Sen dúbida, a gastronomía é unha das grandes potencialidades da provincia de Lugo”.

E para... comer Lugo
Campos Conde reivindicou que a marca E para Comer Lugo, “xa forma parte da nosa identidade como lucense. Algo do que nos sentimos moi orgullosos é que cando dicimos que somos de Lugo, a xente sempre nos di: que ben se come alí”.

“Cómpre recoñecer que parte desta responsabilidade é da asociación lucense de hostaleiros, que apostan pola comida tradicional, de calidade e a bo prezo; sorprendendo e provocando grandes sensacións a turistas e visitantes”, afirmou o Presidente.