A Deputación leva ao Museo Provincial 80 fotos en formato postal sobre a Guerra de África
O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, inaugurou este martes a exposición Postais da Guerra de África (1909 a 1927) de Manuel Urbano Barrio, que leva a Deputación ao Museo Provincial ata o 1 de marzo. Esta mostra de postais, que amosa 80 imaxes dunha das contendas máis tráxicas e crueis da historia española do século XX, encádrase dentro do programa A arte de xuntar, que o organismo provincial achega a través da Rede Museística.
Santos Ramos sinalou que dende a Deputación de Lugo programamos diferentes actividades e exposicións coas que intentamos repasar parte da nosa historia, e ao mesmo tempo, sensibilizar aos visitantes que se achegan aos museos da Rede Museística Provincial.
Con motivo do 90 aniversario do remate desta contenda, o Museo Provincial de Lugo expón unha colección de fotos en formato postal realizadas nos anos que durou esta guerra. Trátanse de 80 imaxes, a maior parte delas en branco e negro, que constitúen un documento gráfico de grande importancia no que se poden ver, entre outros aspectos, os primeiros carros de combate.
Ademais do seu valor gráfico e documental, moitas destas postais teñen tamén un valor filatélico, pois varias delas foron enviadas por correo e conservan o seu selo orixinal. Outras destacan, tamén, polo seu valor testemuñal pois recollen relatos de soldados, dirixidos a familiares e amigos, sobre diferentes aspectos desta guerra.
Guerra de África
Esta guerra, que tivo unha enorme repercusión sociopolítica, dá comezo en 1909 e vai durar ata 1927, sendo o desencadéante da Semana Tráxica de Barcelona (1909) e do golpe de estado de Primo de Rivera (1923).
Trátase dunha contenda moi presente na memoria colectiva e que non foi ben vista pola sociedade española, xa que, ademais de destacar pola súa duración, máis de 16 anos, a este conflito era enviada a xente nova máis pobre pois, nun principio, a lexislación de recrutamento vixente daquela permitía que os fillos das familias acomodadas quedaran exentos de facer o servizo militar ao pagarlle a alguén para que fora no seu lugar. Esta guerra levou por diante a vida de máis de 30.000 españois, dos que unha sexta parte eran galegos.
Nela participaron varias xeracións de lucenses, integrantes do 2º batallón expedicionario do Rexemento Zamora, que formaba parte da guarnición da cidade de Lugo, con sede no cuartel de San Fernando, entre os que destacan os nomes dos soldados lucenses Jesús Fernández González, Manuel Rodríguez Pérez, Virgilio Penelas e Manuel Meilán Rodríguez, que resultaron prisioneiros despois do desastre de Annual, no que pereceron entre 8.000 e 13.000 soldados españois.