Deputación de Lugo

Centos de persoas coñecerán en Rábade a cervexa artesá da provincia durante o Campionato Nacional de Futbolín

- O Deputado de Relacións Institucionais presentou xunto ao Tenente de Alcalde, o Presidente da Asociación de Futbolín Bola Meiga, produtores lucenses de cervexa artesá e a Presidenta de FADEMUR o Máster Nacional de Futbolín  e Tirando do Carro - Ambas as dúas iniciativas terán lugar os días 13, 14 e 15 de abril, reunindo a preto de 500 participantes no campionato de futbolín e poñendo á venda 1.800 litros de cervexa artesá de produtores lucenses no Campo da Feira e en 14 establecementos

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto ao Tenente de Alcalde do Concello de Rábade, Alejandro Martínez Campos, e o Presidente da Asociación de Futbolín Bola Meiga, Manuel Candal Barreiro, produtores lucenses de cervexa artesá, e a Presidenta de FADEMUR, Rosa Arcos, presentaron este martes a vixésima edición do Máster Nacional de Futbolín, que terá lugar en Rábade os días 13, 14 e 15, e o inicio de Tirando do Carro, que se desenvolverá simultaneamente.

Santos Ramos subliñou que “o Campionato de Futbolín de Rábade é un evento xa consolidado no panorama nacional. Nesta nova edición, reunirá a preto de 500 participantes chegados de diferentes puntos da xeografía galega e tamén do resto do estado. Ademais, repartiranse máis de 8.000 euros en metálico, así como trofeos aos gañadores. Cómpre subliñar que este ano renderase homenaxe a David García, recentemente falecido e que foi campión do Máster, creando o trofeo ao mellor porteiro, que se une ao Trofeo Alejandro Finisterre, concedido ao xogador máis regular do Máster”.

Aproveitando a afluencia de visitantes a Rábade, o Goberno da Deputación pon en marcha eses mesmos días Tirando do Carro, un proxecto que conta coa colaboración do Grupo El Progreso, cuxo obxectivo é promover o traballo dos produtores autóctonos. Iníciase coa posta en valor da cervexa artesá: Toupiña; Aguas Santas (Foz), Domenicus (Lugo), A Cova da Serpe (Lugo), Píntega (A Fonsagrada); Bubela (Lugo). Tamén se promoverá o traballo das mulleres de FADEMUR, que porán á venda pan dos establecementos Panadería Guillermo e Panadería Covas, e produtos cárnicos como chourizo, lomo ou salchichón.

O Deputado avanzou que se trata da “primeira colaboración que poñemos en marcha dentro do proxecto Tirando do Carro. Aproveitamos o excelente escenario que supón o Campionato Nacional de Futbolín de Rábade, polo gran número persoas que logra reunir, para dar a coñecer as marcas de cervexas artesanais da provincia, así como outros produtos elaborados polas membros de FADEMUR”.

1.800 litros de cervexa artesá e 14 establecementos
Durante a cita, poñeranse á venda 1.800 litros desta cervexa artesá na carpa situada no Campo da Feira e en 14 establecementos hostaleiros de Rábade, que se suman a esta iniciativa. O prezo da caña será de 2 euros e do botellín de 2,50 euros. Os 14 establecementos son: Cafetería Los Arcos, Cafetería Beethoven, Cafetería Brétema, Cervecería Coyote, Café Bar Cruz, Burger, Cafetería Papyrus, Bar Centro, Cervecería Ágora, Café Bar A Cantina, Cafetería Mozart, Bar A Feira, Café Bar Os Castro e Restaurante Coto Real.

Programación do Gran Máster Nacional de Futbolín
O XX Gran Máster Nacional de Futbolín, que contará con 5 modalidades e 3 niveis de xogo, desenvolverase en en catro sedes: IES Río Miño de Rábade, Brétema, Os Castro e Papyrus. A programación do campionato é a seguinte:

Xoves, 13 de abril:
- 16:30 horas: Comezo do máster (Modalidade infantil 2000-2017)
- 17:00 horas: Sorteo de parellas cegas
- 18:00 horas: Modalidade ‘Combinada parellas cegas’

Venres, 14 de abril:
- 12:00 horas: Modalidade ‘En parado’
- 17: horas: Modalidade ‘Feminina’

Sábado, 15 de abril:
- 11:00 horas: Modalidade ‘En movemento’
- 21:00 horas: Finais
- 23:00 horas: Entrega de premios e clausura