O Goberno aproba axudas de 390.0000 euros para melloras en infraestruturas municipais da provincia
O Executivo da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno novas axudas para melloras en infraestruturas municipais do rural da provincia por valor de 390.000 euros. Así o comunicou a voceira do Goberno, Pilar García Porto, que subliñou que, dentro desta partida, inclúense un total de 26 obras de mellora do Plan de Impulso ao rural e ao sector primario de 2015, por valor de 171.000 euros; así como un convenio co Concello do Corgo para posta en marcha dunha piscina de aprendizaxe con tobogáns na Praia Fluvial do Chamoso, por valor de 218.500 euros.
A voceira avanzou que para executar os traballos no Corgo, a Deputación achega en solitario neste 2016 un total de 218.500 euros, aos que hai que engadir outros 218.500 do ano 2017. Deste xeito, o organismo provincial investirá nestes dous anos 436.000 euros e o Concello 13.699 euros.
García Porto destacou tamén que as 26 obras do Plan de Impulso ao rural e ao sector primario están dirixidas a mellorar accesos a núcleos poboacionais, viñedos, explotacións agrogandeiras e centro socioculturais.
Resolucións de mutuo acordo
A Xunta de Goberno resolveu varios contratos de obras de melloras na rede viaria provincial, de mutuo acordo coas empresas que ían executar estes traballos. A voceira explicou que estas, son obras que proveñen do goberno do Partido Popular, que deixou estas obras sen cartos e sen terreos.
Deste xeito, explicou que a Deputación de Lugo púxose en contacto coas empresas para resolver de mutuo acordo estes contratos. Logo da aceptación por parte das empresas, faise efectiva a devolución do aval de 78.5000 euros, depositado como garantía, así como a cancelación do propio contrato. Son actuacións na estrada de Monforte de Lemos que dá acceso ao Pazo de Tor; en Pardela, da estrada de Pacios a Currelos, por Vilacaiz á estrada provincial, á LU-P-4205; así como a que vai da Pastoriza á Guarda. Agora, o servizo de vías e obras está a estudar as necesidades actuais destas estradas para, nun futuro, acometer traballos de mellora ou acondicionamento.
Máis emprego
A Xunta de Goberno resolveu a contratación de 2 desempregados lucenses, que comezarán a traballar como axudante de cociña en Triacastela e peón gandeiro no Páramo, a través do Ben Empregado.