Deputación de Lugo

A de Lugo, 1ª Deputación en España cunha programación de axudas para pilotos de rali

- O Presidente presentou as axudas de 45.000 euros a profesionais e afeccionados a este deporte da provincia, nun acto no que participaron todas as escudarías, o Presidente da Federación Galega de Automobilismo e o Deputado de Deportes - As subvencións, de concorrencia competitiva e de entre 400 a 7.000 euros, están dirixidas a pilotos lucenses, federados e que participasen no 2015 nun mínimo de dúas probas organizadas polas federacións nacional ou galega de automobilismo - Criterios obxectivos e sociais: terase en conta o palmarés, o ránking oficial e a participación en probas federadas. Valoraranse positivamente as solicitudes de mulleres, mozos de entre 18 e 30 anos e persoas con capacidades diferentes

A de Lugo é a primeira Deputación en España que pon en marcha unha programación de axudas dirixida a pilotos de rali. O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este mércores esta iniciativa, dotada de 45.000 euros, a profesionais e afeccionados a este deporte da provincia, nun acto no que participaron representantes de todas as escudarías lucenses, o Presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral Pérez, así como o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón.

Campos Conde subliñou que “é a primeira vez que unha Deputación fai unha aposta tan clara polo automobilismo. E facémolo porque somos conscientes da importancia deste deporte para a nosa provincia. Lugo é unha referencia no mundo do motor tanto en Galicia como en España debido ao prestixio dos nosos ralis e ao número de licencias de pilotos, pois contamos con máis de 140 federados. De feito, dende esta institución colaboramos coa organización das catro probas automobilistas punteiras da nosa provincia: o rali San Froilán e o da Ulloa, así como as Subidas a Chantada e á Pontenova”.

O Presidente explicou que esta programación conta con 45.000 euros en axudas de concorrencia competitiva, ás que poden optar todos aqueles pilotos que sexan da provincia, que estean federados e que, ao longo de 2015, participasen nun mínimo de dúas probas das seguintes competicións: Campionato Nacional 2015, nas modalidades de ralis de asfalto, ralis de terra e montaña; Campionato Autonómico Galego, nas modalidades de ralis de asfalto e montaña; e Copas Promoción.

Axudas de ata 7.000 euros
As subvencións terán unha contía mínima de 400 euros e máxima de 7.000 euros. Con estas axudas poderanse sufragar gastos federativos da actividade competitiva, gastos de inscrición para competicións ou probas oficiais, gastos pola compra ou aluguer do vehículo de competición, gastos de transporte do vehículo e material de competición, así como gastos da adquisición de pneumáticos do vehículo.

Criterios obxectivos e sociais
O Deputado de Deportes explicou que a concesión estas axudas rexerase en base a criterios obxectivos e sociais, “nun novo exercicio de transparencia e cos obxectivos de chegar ao maior número de pilotos, impulsar o deporte base, premiar o esforzo competitivo e favorecer a igualdade e a integración social”. Deste xeito, terase en conta o palmarés, o ránking oficial e a participación en probas federadas. Valoraranse positivamente as solicitudes de pilotos con capacidades diferentes, as de mulleres piloto e as de pilotos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

Prazos
O prazo abrirase previsiblemente este mesmo mes, unha vez que as bases sexan publicadas na Base Nacional de Subvencións e no Boletín Oficial da Provincia. Os pilotos dispoñerán de cinco días naturais para presentar as súas solicitudes.