A Deputación avanza na integración da Fundación TIC
- Campos dixo que “a integración da TIC é unha aposta pola racionalización do gasto, xa que se eliminarán duplicidades administrativas, optimizaranse recursos e reducirase o gasto corrente”
- O Padroado aproba as contas de 2017, cun grado de execución do 88,65%, e a Memoria con máis de 1.000 actividades a prol do ensino de calidade, promoción da provincia e labor social
- A TIC mantivo a gratuidade da matrícula da EIS, colaborou con 177 asociacións da provincia, tivo máis de 1.500 usuarios no InLugo e potenciou a Lugo Film Commssion
A Fundación TIC deu un paso decisivo para a súa integración na Deputación, promovida polo Presidente da TIC e da Deputación provincial, Darío Campos Conde. A TIC avanzou neste proceso impulsado por Campos Conde ao conseguir o respaldo da Xunta de Galicia na tramitación do procedemento para a súa integración na Deputación. Na reunión do Padroado deste xoves deuse conta do cambio de estatutos da Fundación por parte da Consellería de Educación, paso necesario para proceder á subrogación da actividade da TIC por parte da Deputación e dos seus traballadores. Agora queda pendente tan só da aprobación por parte da Corporación provincial.
Darío Campos dixo que a integración da TIC na Deputación é unha aposta pola racionalización do gasto. De feito, suporá a eliminación de duplicidades administrativas, a optimización de recursos e a redución do gasto corrente. Campos Conde subliñou que esta decisión é froito da política iniciada pola Deputación coa disolución do INLUDES e da Fundación Tor. Desde o Goberno provincial defendemos uns servizos públicos xestionados directamente pola administración, e a integración da TIC encádrase neste obxectivo.
Máis de 1.000 actividade en 2017
A Fundación TIC da Deputación realizou en 2017 máis de 1.000 actividades dentro das súas liñas de actuación: ensino de calidade, apoio ao tecido asociativo, benestar dos maiores, cooperación cos Concellos e promoción da provincia desde o punto de vista cultural, turístico económico e cinematográfico, segundo se recolle na Memoria aprobada polo Padroado, que tamén deu o visto e prace á conta anual cun grado de execución do presuposto do 88,65%, que ascendeu a 1.800.0685 euros, incluída a encomenda da Deputación para xestionar o Plan de Promoción da Autonomía das Persoas Maiores da Provincia.
Igualdade de oportunidades para un ensino de calidade
A TIC apostou, por décimo ano consecutivo, pola matrícula gratuíta na Escola de Imaxe e Son para garantir a igualdade de oportunidades entre os mozos e mozas lucenses no acceso a un ensino de calidade. A formación da EIS incidiu en 2017 nas prácticas en escenarios en reais como un dos seus sinais de identidade. Entre outras, a elaboración do último vídeoclip de Lucía Pérez, o promocional Lembranzas ou a organización de En camiño contra a violencia machista, no que participaron centos de lucenses.
Apoio ao labor social do tecido asociativo
O Centro de Produción de Programas (CPP) reforzou o seu labor cun incremento no número de convenios de colaboración. Ao rematar o ano, había 177 acordos con organizacións de diversa índole. Entre as incorporacións, ASOPORCEL, Xerencia Integrada do SERGAS e Universidade Rural Galega. Elaboráronse audiovisuais relativos, por exemplo, ás enfermidades mentais, cancro, esclerose múltiple ou diabetes. Tamén se deu difusión ás conmemoracións dos 50 anos do Breogán ou dos 40 da Asociación Provincial de Hostalería Entre os documentais, Poeta sen adxectivos, Arcadio López Casanova; A Danza da Cervela do Incio; O Folión de Carros de Chantada; ou Torneiros da Madeira en Xermade.
Apoio aos Concellos
Outro dos piares do traballo da TIC a través do CPP foi a promoción da provincia desde o punto de vista cultural, turístico e económico. Neste apartado destaca a cooperación cos Concellos coa difusión de actividades que organizan ou apoian, como as festas da Castaña do Courel, do Caldo de Ósos de Taboada ou da Troita da Pontenova. Tamén contribuíu á difusión de iniciativas vinculadas a nosa historia e tradicións, entre outras, Friulo de Friol, as feiras medievais de Mondoñedo, Alfoz e Monforte, a Queima das Fachas e o Oso de Salcedo. Ademais, a TIC prestou un servizo público aos cidadáns coa emisión en directo de todas as sesións plenarias da Corporación Provincial en 2017.
Novas tecnoloxías a prol da calidade de vida dos maiores
O labor que desenvolve a TIC na alfabetización dixital dos maiores reflectiuse na alta demanda das actividades que impartiu o InLugo. De feito, en 2017 o número de solicitudes duplicou ao de prazas: 3.500 preinscricións para 1.575 prazas de 90 cursos. Ademais desenvolvéronse outras actividades, como o banco de recordos Memoria Dixital, ao que se incorporaron vídeos e fotos antigas. Tamén acadaron grande éxito a Semana Tecnolóxica, o taller de radio e o Nadal na TIC.
Lugo, destino cinematrográfico
A Lugo Film Commission consolidouse como oficina de apoio ás produtoras de películas de gran proxección como A sombra da lei e Aquilo que arde. Tamén axudou a outras producións máis modestas que serven de vehículo á creatividade das novas promesas do audiovisual lucense, como a curtametraxe Hermetismos, dos alumnos da EIS. Ademais, en 2017 destaca o inicio da colaboración coa Galicia Film Office, que solicitou o apoio da TIC a través da achega de vídeos e fotografías dos 67 Consellos e información de todos os aspectos relacionados coa loxística.
Equipamentos á última en tecnoloxía
Polo que se refire ao capítulo de investimentos, destinouse principalmente á modernización de equipos para garantir unha formación de calidade adaptada á demanda real do mercado laboral e á mellora do servizo que presta a entidade á sociedade lucense. Incorporouse un dron para gravacións aéreas, unha cámara de 360 grados para gravacións de visitas virtuais a edificios públicos, unha capturadora de analóxico a dixital ou micrófonos estéreos, entre outros.