Deputación de Lugo

Remata o prazo de matrícula para cursar estudos na Escola de Imaxe e Son de Lugo

Imaxe deputación de lugo
Os novos alumnos terán de prazo ata mañá para formalizar a preinscrición nos dous ciclos formativos que ofrece a Escola luguesa

A Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente da Fundación TIC, concluirá mañá, 7 de xullo, o prazo para formalizar a matrícula para o curso 2009-2010. A EIS ofrece dous Ciclos Superiores: o de Realización de Audiovisuais e o de Espectáculos e Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, dotados con 2.000 horas lectivas e dous cursos académicos cada un. Os solicitantes de novo ingreso ó primeiro e ó segundo curso poderán realizar aínda a preinscrición na sede da Escola, ubicada na rúa Frei Rei Lemos, en horario de 9 a 14 horas. Tanto o impreso de preinscrición como a documentación correspondente poderá descargarse na páxina web: wwww.fundaciontic.org. Unha vez finalizado o prazo de preinscrición, e no caso de ser maior o número de solicitudes presentadas que o de prazas ofertadas, as solicitudes serán valoradas por unha Comisión de Admisión que fará público o listado de solicitantes admitidos, en lista de espera e de solicitantes excluídos que resulte da aplicación dos criterios preferentes fixados para o acceso. Rematado o prazo de matrícula ordinaria, e no caso de existir vacantes, renuncias ou baixas, as prazas resultantes adxudicaranse entre os novos solicitantes por orde de entrada da solicitude.