Deputación de Lugo

Técnicos do Consorcio Provincial de Bombeiros supervisarán este venres o parque de Monforte

Imaxe deputación de lugo
O persoal da Deputación e da Xunta avaliarán se as instalacións das Lamas poden ser empregadas polo Consorcio

Técnicos do Consorcio Provincial de Bombeiros acudirán venres, ás 11:00 horas, a Monforte de Lemos para supervisar as instalacións do parque das Lamas, e comprobar se son susceptibles de ser empregadas por esta entidade.O obxectivo, tal e como avanzaron o Presidente e o Vicepresidente do Consorcio, José Ramón Gómez Besteiro, e Alfonso Rueda Valenzuela, respectivamente, é absorber as instalacións contraincendios monfortinas, e non o persoal, para facer unha implantación en pro da comarcalización. Deste xeito, o persoal do Consorcio avaliará o estado do edificio, o equipamento, así como a dotación de medios, para analizar as posibles necesidades ou carenzas que se rexistren. Trátase do primeiro paso para a integración do parque de bombeiros de Monforte de Lemos ó Consorcio que na actualidade está integrado polas instalacións contraincendios de Sarria, Chantada, Vilalba, Barreiros, e Viveiro. Gómez Besteiro e Rueda Valenzuela anunciaron que a intención da Deputación e da Xunta é que os 5 parques, xunto o de Monforte, cubran a provincia xa que hai “vontade decidida a solucionar os problemas dos veciños da provincia”. Da mesma forma, ó respecto do parque de bombeiros de Lugo, constituirase unha comisión entre a Deputación, a Xunta, e o Concello, para buscar as formulas xurídicas que permitan a comarcalización na área da capital, de forma que o despregue do Consorcio de cobertura tamén a esa zona da provincia. No mes de marzo, os membros do Consorcio voltarán reunirse para perfilar a posta en marcha dos 5 parques de bombeiros. En 2010 abriranse as instalacións de Barreiros, Chantada, e Sarria. Asimesmo, en maio rematarán as actuacións no parque de Vilalba, e nos vindeiros dias a Xunta adxudicará as obras de Viveiro, para que ambos os dous estén en funcionamento en 2011.