Deputación de Lugo

O INLUDES aproba as primeiras contratacións do programa Innova-TE

O deseño dunha Oficina Técnica e a análise dos sistemas de información dos Concellos, primeiras liñas de actuación do proxecto europeo

O INLUDES realiza unha diagnose da situación laboral actual, previa á elaboración do Plan de Emprego a implantar na provincia de Lugo A Comisión Exectuvia aproba a instalación e equipamento de parques infantís biosaudables en Burela e Becerreá por valor de preto de 70.000 euros A Comisión Executiva do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobou este luns os primeiros pregos do programa Innova-TE, dotado con 9 millóns de euros e destinado á implantación das novas tecnoloxías na Deputación e na provincia. Tal e como anunciara en días pasados o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, pouco a pouco iranse aprobando distintas liñas de actuación do programa europeo. Concretamente, no día de hoxe, deuse o visto e prace ós que se refiren ó servizo de consultoría e asistencia técnica para o deseño das accións do proxecto e o Plan Director de Sistemas do mesmo. As dúas actuacións constan cun investimento de 140.000 euros. O primeiro caso, inclúe o funcionamento dunha Oficina Técnica mentres que o segundo contempla a realización dunha análise e diagnose da situación actual dos sistemas de información dos Concellos, auditorías informáticas, así como un mapa de infraestruturas e sistemas dos municipios da provincia. Pacto Integral polo Emprego Dentro do programa Pacto Integral polo Emprego, cofinanciado polo INLUDES e a Unión europea con 4 millóns de euros, acordouse contratar a asistencia técnica para a realización da análise e diagnose do emprego na provincia, previo á elaboración do Plan de Emprego a implantar na provincia de Lugo. Deste xeito, preténdese coñecer de forma exhaustiva cal é a situación na que se atopa o tecido empresarial da provincia, o nivel de empregabilidade dos traballadores, infraestruturas, e recursos existentes. Búscase obter unha ferramenta actualizada eficiente e eficaz que dea soporte ós técnicos, colaboradores e empresarios no eido do fomento do emprego e o desenvolvemento económico provincial. A esta actuación, a Deputación destina 40.000 euros. Parques biosaudables O INLUDES instalará e equipará dúas áreas recreativas-parques infantís nos Concellos de Burela e Becerreá por 67.077 euros. O organismo dependente da Deputación destina á instalación da instalación da infraestrutura burelesa 42.063 euros é a de Becerreá 25.014. A Deputación colabora cos Concellos neste tipo de iniciativas porque supoñen unha mellora dos espazos adicados ó medio ambiente e das condicións de vida dos cidadáns. O organismo provincial costeará o balancín, o carrusel, os bancos, as papeleiras e o restos de elementos dos parques que se ubicarán no Parque de Rosalía de Castro de Burela e no de Valgamarían en Becerreá. Balance “Borde Sur” A exposición internacional Borde Sur permaneceu na Capela de Santa María desde o 29 de abril ata o 31 de maio. Unhas 700 persoas visitaron a mostra que reuniu as mellores creacións de 59 artistas uruguaios contemporáneos e de recoñecido prestixio, que representan catro xeracións distintas, e que plasman sobre o lenzo a posibilidade de coñecer o lugar que ocupa a fronteira e que enfronta a cada artista coa noción do límite e das súas consecuencias. A visita realizada polo máximo mandatario provincial en setembro de 2008 foi determinante para traer a mostra a Lugo, xa que esta é a primeira vez na historia que tantos artistas uruguaios expoñen o seu traballo fóra do seu país de orixe. Durante o ano 2009 as propostas destes artistas percorrerán distintas cidades do mundo, co apoio do Ministerio de Relacións Exteriores do noso país e as súas embaixadas no mundo, sendo Lugo a primeira cidade deste percorrido. Isto supuxo un acto de irmanamento con Uruguai, xa que dos 3,5 millóns de habitantes que ten este país, máis de 50.000 son galegos, e a maior parte de Lugo. Logo da súa estancia en Lugo, a mostra trasladarase a Santiago, Vigo, Ferrol e Ourense. Posteriormente, Madrid, Barcelona, Berlín e París serán sede da mesma. Rematará en Washintong e Nova York.