Deputación de Lugo

A Deputación aumenta un 10% o Plan de Pequenas Infraestruturas do que se beneficiarán 41 Concellos de menos de 5.000 habitantes

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial aproba as bases desta iniciativa que está dotada con 800.000 euros e destinada ós municipios que teñen un maior déficit en infraestruturas e servizos

O organismo provincial subvenciona ata o 70% de cada obra ata un máximo de 19.500 euros Gato Soengas destaca que “cando se dá a unión en épocas de crise de dúas administracións, Deputación e Concellos, ponse de manifesto a vontade de avanzar e de sumar recursos” A Xunta de Goberno aproba o contrato de subministro eléctrico co que aforrará cartos ós 46 Concellos que se adheriron á iniciativa A Xunta de Goberno da Deputacion aprobou este venres as bases do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes para o ano 2010, e que conta dun investimento de 800.000 euros. Este ano o Plan experimenta un aumento do 10% co respecto a 2009, e inclúese dentro do Plan Estratéxico de Subvencións que foi aprobado no Pleno de xaneiro e que ascende a 14 millóns de euros. Esta foi unha iniciativa que puxo en marcha o actual equipo de goberno en 2008 e o resultado foi moi satisfactorio porque todos os municipios, agás os que están afectados polo canon hidroeléctrico, que reciben outros investimentos por parte da Deputación, vense beneficiados destas axudas. Cada Concello recibirá unha subvención do 70% ata un máximo de 19.500 euros. En total, beneficiaranse desta liñas de cooperación aqueles municipios que teñen maior déficit en infraestruturas e servizos e que, polo tanto, necesitan máis axuda da Deputación. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “cando se dá a unión de dúas administracións, Deputación e Concellos, ponse de manifesto a vontade de avanzar e de sumar recursos. A cantidade que se outorgaba nas outras convocatorias era de 17.000 euros, polo que aumentamos a cantidade en épocas de crise e facémolo en pequenas infraestruturas que son difíciles de encaixar noutros Plans que o organismo provincial ten en marcha ou mesmo da propia Xunta. A Deputación establece unha vez máis un vínculo de colaboración con todos os municipios da provincia sen discriminación de cor político”. Os Concellos que se acollen ó Plan son 41: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Folgoso do Courel, Friol, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Xermade e Xove. Grazas a esta iniciativa en 2009 investíronse 721.000 euros en obras nos Concellos máis pequenos da provincia. Desta cantidade, o organismo provincial achegara 607.000 e o resto foi aportado polas entidades municipais. Contrato subministro eléctrico Tamén se deu o visto e prace ó contrato do servizo de subministro eléctrico nos 46 Concellos que se adheriron á iniciativa e nos centros dependentes do organismo provincial. “Con esta iniciativa a Deputación aforrará cartos ós municipios, sobre todo nestes momentos de crise económica, onde é necesario ser imaxinativos. É un traballo administrativo extraordinario co que pretendemos reducir o custo do quilovatio/hora”, apuntou Antonio Gato. Contrataranse 5.230 expedentes de enerxía extendidos entre a Deputación e os municipios interesados nesta liña de Cooperación. O consumo anual que vai ser obxecto do contrato é de 48.676.918 e a potencia sitúase en 31.190 quilovatios. Deste xeito, o organismo provincial convertirase no segundo cliente de sumbinistración eléctrica da provincia de Lugo. “Agardamos que as empresas eléctricas concurran a peito descuberto porque é unha iniciativa innovadora, que permitirá aforrar recursos a todas as partes implicadas. Ademais, servirá para que os Concellos teñan máis disciplina no consumo. Vai servir de paradigma para outras Deputacións de Galicia e do propio país. De feito, algunhas xa nos amosaron o seu interese”. Os Concellos que delegaron este servizo no organismo provincial son: Alfoz, Baralla, Becerreá, Burela, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guntín, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Páramo, Pedrafita do Cebreiro, Pobra de Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Trabada, Triacastela, O Valadouro, Viveiro e Xove.