Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca a necesidade de apoiar a produción forestal dos montes porque é un dos piares económicos de Lugo

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación inaugurou o ciclo de conferencias Impactos Ambientais: Os Bosques Galegos que se desenvolve ata o 25 de novembro no Pazo de San Marcos, e que conta con máis de 100 asistentes

Segundo o clúster da madeira este sector xera máis de 25.000 traballos directos e uns 50.000 indirectos en Galicia, e dos montes galegos sae a metade da madeira que se produce en España O titular provincial subliñou que “as administracións debemos desenvolver liñas de actuación que axuden a salvar ás explotacións rendibles nestes momentos de crise. A industria ten que dirixirse á produción de calidade” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este luns, acompañado do Presidente da Real Academia das Ciencias, Ernesto Vieitez, e doutros membros da RAGC, así como do Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, a vixésima edición do ciclo de conferencias Impactos Ambientais: Os Bosques Galegos, que está organizado conxuntamente polo organismo provincial e pola Real Academia Galega das Ciencias. No encontro, que conta con máis de 100 asistentes, abordaranse cuestións como a produción, xestión e problemas que sofren as distintas especies forestais. Precisamente, a práctica totalidade das existentes en Galicia teñen algún tipo de problema sanitario. Gómez Besteiro subliñou que “isto é realmente preocupante, xa que estas masas arboladas supoñen un dos piares económicos máis importantes da Comunidade; unha situación á que Lugo tampouco é allea, xa que contamos con 463,818 hectáreas adicadas a este fin”. O 68,96% do territorio de Galicia é superficie forestal e dos montes galegos sae a metade da madeira que se produce en España. O sector representa o 3,5 do Produto Interior Bruto cunha facturación superior ós 2 millóns de euros en 2008, encabezando as exportacións a varios países como Portugal, Italia ou Marrocos. Segundo o clúster da madeira este sector xera máis de 25.000 traballos directos e uns 50.000 indirectos. “Por iso, as administracións debemos desenvolver liñas de actuación que axuden a salvar ás explotacións rendibles nestes momentos de crise. A industria ten que dirixirse á produción de calidade e en Galicia hai moita e moi boa. Sería unha pena desaproveitar esa fonte de riqueza nos tempos que corren”, engadiu o titular provincial. A este respecto, Gómez Besteiro indicou que “dende que chegamos á Deputación fomos conscientes de que o medio ambiente pode ser unha oportunidade de negocio para Lugo. Isto demostrámolo con programas como Lug02 ou Km0”. Neste senso, o Presidente aproveitou a ocasión para convidar ós asistentes a que participen no programa medioambiental, “que está formado por 127 rutas que permiten redescubrir Lugo incluso a través da multiaventura e do deporte. Ademais, tendo que conta que o 2010 é Ano Santo, a través desta iniciativa tamén promocionamos os Camiños de Santiago ó seu paso pola provincia, de tal xeito que nos convertemos na primeira adminitración cunha programación estable previa ó Xacobeo”. Logo do acto inaugural, o membro da Real Academia Galega das Ciencias e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rigueiro, impartiu a conferencia “Produción e servizos dos montes e masas arboradas de Galicia”. Programa das xornadas O ciclo de conferencias celébrase dende hoxe no Pazo de San Marcos ata o 19 e dende o 23 ó 25 de novembro. Durante a súa celebración, distintos especialistas en medio ambiente da USC tratarán temas como a produción e os servizos dos montes, o patrimonio natural da Comunidade, ou os espazos protexidos. Mañá o director do IBADER e profesor de Botánica da USC, Pablo Ramil, disertará sobre a historia dos bosques de Galicia. Os participantes recibirán un diploma acreditativo e os estudantes tamén obterán unha certificación para o recoñecemento dun crédito de libre configuración.