Deputación de Lugo

Unhas 2.000 persoas visitaron a Exposición Internacional
de Avantcraft “A Forza do Atlántico”

A través dos dispositivos bluetooth 25.404 móbiles recibiron da mostra

A Exposición Internacional de Avantcraft “A Forza do Atlántico” impulsada polo Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación de Lugo pechou este domingo as súas portas cun balance positivo. A mostra que se inaugurou o pasado 4 de outubro tivo unha gran acollida tanto por parte do público en xeral como por parte dos profesionais do mundo da artesanía, deseño e decoración e das propias autoridades europeas. A mostra, que contén un total de 80 pezas selectas de vidro, cerámica e téxtil que amosan a “Forza do Espazo Atlántico” integrada por España, Francia, Irlanda e Portugal, foi visitada por case 2.000 persoas de perfiles moi variados: artesáns, deseñadores, tendas de artesanía e decoración, estudantes e mestres de Escolas de Artes Aplicadas, de Deseño e de Belas Artes. Asimesmo, máis dun cento de visitantes solicitaron o catálogo da Exposición, 33 os manuais tecnoloxóxicos e 8 accederon ó banco de imaxes. A Exposición contou, ademais, cun sistema novidoso a través de dispositivos bluetooth que se instalaron na Capela do CENTRAD e na Praza Maior de xeito que, a través da súa activación, todos aqueles que o desexaron pudieron solicitar e recibir información da mesma. Neste senso, 25.404 móbiles recibiron información, 7.701 fixeron uso desta información e tan só 707 non quixeron acceder a ela. Ademais a colección Ola producida por Vidriería Lara e exposta nesta exposición foi finalista na categoría de Produto dos Premios Nacionais de Artesanía que se entregarán no vindeiro mes de decembro en Madrid. Dada a boa acollida, nestes momentos estase valorando a posibilidade de prolongar a itinerancia da Exposición a Santiago, Madrid, Barcelona, Londres e Bruxelas. A mostra estivo na Capela de Santa María desde o 4 de outubro ata o 18 de novembro en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas nos días laborales e de 18:00 a 21:00 horas durante os días festivos.