Deputación de Lugo

Éxito da andaina pola Vía Romana XIX organizada polo Concello e o INLUDES

A Vicepresidenta Segunda da Deputación participou na xornada que supón o punto e final do proxecto europeo Interreg III

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, participou este sábado na andaina pola Vía Romana XIX organizada polo Concello de Lugo e o INLUDES. A comitiva formada por autoridades provinciais, municipais, técnicos e público en xeral partiu ás 10:15 da mañá da Praza de Armanyá. Logo continuaron a pé polo centro histórico de Lugo, vendo a sinalización urbana colocada polo Concello, e visitando os centros arqueolóxicos de Doutor Castro e San Roque. Desde o Centro arqueolóxico de San Roque, os participantes foron trasladados en autobús ata o lugar de Viador para iniciar a andaina propiamente dita, que durou uns 6 quilómetros, rematando a xornada de mañá no pobo de Adai (Concello de O Corgo), onde se convidou ós participantes a un xantar campestre e onde tamén se levou a cabo unha exhibición sorpresa vinculada á reconstrución histórica da época romana. Tras o xantar os participantes volveron a ser trasladados en autobús ata a capela das Virtudes, onde continuou a andaina durante outros 6 quilómetros, vendo varios dos lombos orixinarios da via romana XIX e outros elementos interesantes do noso patrimonio cultural e paisaxístico. Finalmente a xornada rematou na igrexa de Tórdea (Concello de Castroverde), lugar elixido como remate da primeira etapa do itinerario cultural da Vía Romana XIX, dado os importantes vestixios de diferentes épocas que nela se agochan. O regreso á cidade de Lugo efectuouse en autobús aproximadamente ás oito da tarde. A iniciativa foi organizada conxuntamente polo Concello de Lugo e o INLUDES –dependente da Deputación-. Esta andaina, que comezou no Concello de Lugo e rematou no lugar de Tórdea, no Concello de Castroverde, serviu de inauguración do itinerario cultural, tralo seu acondicionamento e sinalización. Con esta inciativa ponse punto e final a un ambicioso proxecto europeo Interreg III no que participaron o Concello de Lugo, as Deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña, o CSIC, a Universidade de Santiago e os Concellos portugueses de Braga, Vilaverde, Ponte de Lima, Paredes de Coura e Valença do Miño.