Deputación de Lugo

Gómez Besteiro confirmou o apoio da Deputación de Lugo para as próximas edicións da Semana Internacional de Cine de Autor

Presentación XXIX da Semana Internacional de Cine de Autor

O Salón de Plenos do Concello de Lugo acolleu un ano máis a presentación da XXIX edición da Semana Internacional de Cine de Autor, organizada pola agrupación fotocinematográfica Fonmiñá. Neste acto, o Presidente, confirmou o apoio económico da institución que preside para as vindeiras ediccións da Semana Internacional. O Alcalde de Lugo, José López Orozco e o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, quixeron destacar a importancia deste certame no que se unen claramente esforzos para traballar conxuntamente. “A unión fai a forza e neste caso a unión das distintas institucións e entidades fará posible que un ano máis teñamos Semana de Cine”. O Presidente subraiou que a I Semana Internacional tivo lugar no ano 1979, case co nacemento da Constitución Española, polo que este evento tamén contribuiu a democratizar o Cine de Autor entre todos os públicos. Nesta edición proxectanse máis de 60 películas dende o sábado 15 de setembro ata o día 22, repartidas en varios ciclos e en varias ubicacións, como son o Auditorio Municipal Gustavo Freire, a sala de Caixa Galicia e a Biblioteca Provincial. Este ano dedícase a mostra a Frank Braña e a Asturias, onde naceu o intérprete. Francisco Braña Pérez naceu en Pola de Allende, pero sendo moi cativo marchou coa súa familia a vivir a Folgosa en Grandas de Salime. A Semana do Cine dedica á súa figura tres das dez seccións do certame. Será entre os días 16 e 21 de setembro e nelas proxectaranse 16 filmes protagonizados por Braña ou relacionados con Asturias. Tamén será homenaxeado o actor e director madrileño Romero Marchent, ó que se lle dedica unha sección do certame. Este ano a Semana do Cine inclúe:  Sección Romero Marchent, que terá lugar o día 17 ás 18:00 e ás 20:00 horas e o día 18 ás 20:00 horas na Sala de Caixa Galicia.  Ciclo Xacobeo, que será o día 19, 20 e 21 ás 18:00 horas en Caixa Galicia.  Ciclo Igualdade, no Auditorio o día 16 ás 18:00, 20:00, 20:15, 22:00 e 22:15 horas.  Asturias Onte e Asturias Hoxe: na Biblioteca Provincial entre os días 17 e 21 de setembro.  Sección Infantil do 17 ó 22 ás 18:00 horas no Auditorio.  Sección Colleita do ano: do 17 ó 22 ás 20:30 horas no Auditorio.  Sección Oficial, dende o día 17 ó 22 ás 22:45 no Auditorio. O día 15 ás 20:00 horas será a gala de inauguración coa proxección da película Las alas de la vida. Recolle a vida do médico Carlos Cristos que na actualidade sufre unha grave enfermidade. A entrada será gratuíta. O ciclo darase por concluído o sábado día 22 ás 22:45 coa proxección do filme mexicano El Violín dirixido por Francisco Vargas. O prezo das entradas oscilará entre os 2 e os 4,50 euros, aínda que moitos dos filmes terán a entrada gratuíta.