Deputación de Lugo

José Ramón Gómez Besteiro salienta o apoio do presidente de Filmax ós proxectos audiovisuais da Deputación de Lugo

O Presidente Provincial inaugurou oficialmente o novo curso da Escola de Imaxe e Son de Lugo, na compaña de Julio Fernández

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou oficialmente esta venres o curso 2007-2008 da Escola de Imaxe e Son de Lugo, que depende da institución provincial. O acto desenvolveuse no Pazo Provincial coa asistencia de preto dun cento de persoas entre alumnos, docentes da Escola e convidados. No inicio da sesión, José Ramón Gómez Besteiro deu paso ó encargado de pronunciar a conferencia inaugural, Julio Fernández, Presidente de Filmax, ó que agradeceu “o enorme esforzo persoal feito polo produtor fonsagradino para non faltar a esta cita” así como, o apoio que ven prestando á Deputación de Lugo, como membro do Padroado da Fundación TIC. O Presidente Provincial destacou que Julio Fernández é un lucense de éxito fóra da nosa terra pero, que “participa en todos os asuntos que interesan e preocupan a Galicia, a Lugo e A Fonsagrada”. “Un exemplo a seguir na profesionalidade, no rigor e no éxito profesional e persoal”, engadiu Gómez Besteiro. Na súa intervención, o presidente de Filmax fixo varias recomendacións ós alumnos da EIS de cara ó seu futuro como profesionais do sector audiovisual. O produtor fonsagradino insistiu na necesidade de “traballar en equipo”, de que haxa “as mínimas individualidades posibles”. Aínda que non dubidou que entre os presentes “haberá algún que se convirta en estrela”, a clave está en formarse para sacar adiante os proxectos de xeito conxunto. Nesta mesma liña, o presidente de Filmax asegurou ós futuros profesionais que ó comezar a traballar, despois de rematar os estudos, “é importante que teñades claro que neste sector son fundamentais os equipos para triunfar cada un a nivel individual, na súa especialidade”. Logo dunha pausa, o Director Xeral de Filmax, Xosé Manuel Barreira presentou ás últimas produccións da factoría de animación Bren Entertaiment, Nocturna, Donkey Xote e Pérez, o ratiño dos teus soños. José Manuel Barreira dirixiuse ós alumnos para pedirlles que sexan “apóstolos do que se fai aquí” porque “as veces, nos costa explicar que traballos coma éstes se realizan en Santiago de Compostela”. O executivo de Filmax engadiu que en Galicia “se fan cousas con moitísimo talento, con medios inferiores ó do noso máximo competidor, a industria americana, que dan resultados tan sorprendentes como Nocturna”, película que se atopa agora en carteleira. Respeito a Pérez, o ratiño dos teus soños, José Manuel Barreira lembrou que “ata a chegada de El Orfanato, foi o filme español máis taquilleiro do que vai de ano”, no noso país e nalguhúns de fala hispana como Arxentina e México. O acto de inauguración oficial do novo curso da EIS rematou coa proxección da película Pérez, o ratiño dos teus soños, na que se mestura imaxe e personaxes reais con animación en 3D. Deste filme, José Manuel Barreira lembrou que “ata a chegada de El Orfanato, foi o filme español máis taquilleiro do que vai de ano”, no noso país e nalguúns de fala hispana como Arxentina e México. Escola de Imaxe e Son O modelo formativo da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC de Lugo está estreitamente vencellado á demanda de titulados no sector audiovisual. No Centro impártense dous ciclos de grao superior de Formación Profesional: Producción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos e Realización de Audiovisuais e Espectáculos. Ademáis da EIS, a Fundación TIC dispón dun Centro de Producción de Programas con instalacións profesionais para o desenvolvemento das prácticas docentes e a producción de contidos audiovisuais. A Fundación TIC mantén relacións directas con empresas e institucións mediante convenios e colaboracións, que permiten ós alumnos realizar prácticas e proxectos de producción reais. Esta é a diferencia fundamental co resto de modelos de aprendizaxe nos que se recurre a simulacións. As prazas ofertadas, este curso, nos dous ciclos que se imparten na EIS, están cubertas na súa totalidade.