Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación e o Alcalde de Monforte normalizaron as relacións entre as dúas institucións

Recepción oficial ó alcalde de Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, recuperaron esta mañá as relacións institucionais entre as dúas administracións, despois de varios anos nos que non fora posible esta xuntanza. O parque de bombeiros e o turismo foron dous dos principais asuntos tratados na recepción oficial que tivo lugar no Pazo Provincial e na que tamén participaron o Vicepresidente primeiro e os voceiros dos partidos políticos. Gómez Besteiro dixo este é “un día grande para a Deputación” porque “manter un clima de normalidade é fundamental, máis aló das posibles diferencias de critierio que poidan xurdir”. O Presidente da Deputación asegurou que o encontro de hoxe “non é cousa cativa, xa que supón un cambio de vontade política inequívoco”. Pola súa banda, Severino Rodríguez subraiou que a visita “non é só un xesto, senón unha maneira distinta de ver a política”. O Alcalde asegurou que “durante catro anos, Monforte sentiuse só. Hoxe marcho coa sensación de que estamos ben acompañados e de que a cidade será tratada xustamente”. De feito, a cesión da presidencia ó Alcalde de Monforte na rolda de prensa foi un xesto tamén ben acollido polo rexedor en sintonía coas novas formas da Deputación, na que os Concellos son máis importantes. Parque de bombeiros O Presidente da Deputación asegurou que hai un claro cambio de criterio político con respecto ós parques comarcais de bombeiros. O máximo responsable provincial asegurou que o actual goberno comprométese a apoiar financieiramente a dotación do parque de bombeiros de Monforte “o que xa se plasmará nos orzamentos de 2008”. O Concello de Monforte de Lemos paga, en solitario, os 250.000 euros anuais que require o mantemento do parque de bombeiros e o pago dos sete traballadores que o atenden. O parque das Lamas foi construído para dar cobertura a toda a comarca, sen embargo, os problemas que xurdiron para determinar o reparto dos gastos de mantemento e a falla de interese do anterior goberno provincial, obrigaron ó Concello monfortino a asumir un parque exclusivamente municipal que da servizo a toda a Ribeira Sacra. Ribeira Sacra O turismo foi outro dos asuntos abordados no encontro de hoxe, especialmente a promoción da Ribeira Sacra. José Ramón Gómez Besteiro asegurou que é necesario sumar esforzos coa Deputación de Ourense para facer máis rendible o esforzo que se faga. “Hai que implicar a todos e superar posibles recelos entre concellos. É unha cuestión de xenerosidade inteligente. Tamén é necesario establecer vínculos e proxectos comúns con Ourense”. O Alcalde de Monforte tamén abondou na idea de que a Ribeira Sacra é Lugo e Ourense, polo que é necesario traballar en conxunto. Pola súa banda, o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, asegurou que esta visita non é un simple xesto, xa que esta foi a primeira vez que o Alcalde monfortino foi recibido no Pazo Provincial. Bao avogou porque o Concello de Monforte siga a ser o motor da comarca de Lemos. Recepción Oficial O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, recibiron en primeiro lugar ó Alcalde de Monforte. A continuación, o rexedor foi presentado oficialmente ós voceiros dos grupos políticos provinciais. O Presidente provincial entregou ó Alcalde unha caixa-xarrón do ceramista lucense Alfonso Lombardía, un dos productos seleccionados polo Centro de Artesanía e Deseño para a promoción dos artistas lucenses. Severino Rodríguez tamén recibiu unha bufanda de seda artesana elaborada por Textura Artesanía Textil que foi deseñada polo CENTRAD. A segunda cidade da provincia O concello de Monforte ten unha superficie de 119,5 quilómetros cadrados. É a segunda cidade máis poboada da provincia, só por detrás da capital. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, en 2006 o padrón era de 19.412 habitantes, dos que preto de 4.500 se adican ó sector servizos, 832 á indutria, 761 á construción e 387 á agricultura.