Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación e o Alcalde de Vilalba abordan asuntos pendentes na capital da Terra Chá

O rexedor vilalbés destacou a cordialidade do encontro e dixo marchar

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo esta mañá a primeira xuntanza oficial co Alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, concluíndo a primeira ronda con Alcaldes dos tres grupos políticos maioritarios na provincia de Lugo: PSOE, BNG E PP. O parque de bombeiros, o solo industrial e o acceso que conectará a Transcantábrica coa vila centraron a reunión de traballo. O máximo responsable da Deputación destacou a importancia deste Concello, o segundo en extensión da provincia e o terceiro en poboación. Con respecto a unha posible nova ampliación do polígono industrial de Sete Pontes, José Ramón Gómez Besteiro dixo que “comprométome a ter unha reunión coa Xunta de Galicia para coñecer se este polígono é prioritario para a administración autonómica, nese caso sería a Xunta a que abordaría o proxecto”. No caso de que non estea nos plans prioritarios do goberno autonómico “a Deputación fará un estudo serio das posibilidades do parque, do valor dos terreos, dos créditos necesarios, etc”. De todos os xeitos, o Presidente da Deputación subraiou que “non imos lanzarnos a unha política industrial sen xeito. Hai que ser prácticos”. Xuntanza cordial Pola súa banda, o Alcalde de Vilalba, Gerardo Criado dixo marchar do Pazo Provincial “cun bo sabor de boca porque o Presidente da Deputación é coñecedor dos problemas dos Concellos”. O rexedor vilalbés definiu a xuntanza desta maña como “máis que correcta, unha agradable conversación. Un encontro enriquecedor e cordial”. Os dous mandatarios destacaron a importancia estratéxica do Concello de Vilalba, moi ben comunicado a través da N-634 e das futuras autovías do Cantábrico e de Ferrol. Recepción oficial O Alcalde de Vilalba foi recibido no Pazo Provincial polo Presidente da Deputación e o Vicepresidente Primeiro, e presentado oficialmente ós voceiros dos grupos políticos provinciais. Gerardo Criado recibiu como agasallo unha caixa de cerámica da ceramista lucense Esther Iglesias. Este é un dos produtos seleccionados polo Centro de Artesanía e Deseño para a promoción dos artistas lucenses. Tamén se lle entregou unha bufanda de seda artesán deseñada polo CENTRAD e elaborada por “Textura Artesanía Textil”. Capital da Terra Chá O Concello de Vilalba ten unha superficie de 379 quilómetros cadrados, o segundo en extensión da provincia, detrás do da Fonsagrada. Isto supón que ten unha ampla rede de estradas. En total, 631 quilómetros, dos que 99,6 son de titularidade provincial. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, en 2006 o padrón acadaba os 15.455 habitantes, dos que 2.820 se adican ó sector servizos, 1.455 á agricultura, 862 á construción, e 822 á industria. A densidade de poboación é de 40 habitantes por quilómetro cadrado.