Deputación de Lugo

A Cova da Serpe será visitada por primeira vez dentro do programa Km0

Imaxe deputación de lugo
Os participantes desta semana tamén coñecerán as localidades mariñanas
de Viveiro e Ribadeo

A Cova da Serve será visitada por primeira vez dentro do programa Km0 que promove a Deputación. A cavidade ubícase entre as localidades de Friol e Guitiriz e foi protagonista de lendas como as que recolleu Estanislao Fernández da Cigoña. Unha delas conta que unha serpe duns 8 quilómetros de lonxitude cando chegaba ó pobo de Miraz comía ó seu paso todo o gando que atopaba. Ante esta situación, os veciños decidiron acabar con ela dándolle un burro cheo de alquitrán ó que lle prenderon lume. En total, preto de 165 veciños de Pol, Vilalba e Castroverde participarán esta semana no programa impulsado pola Deputación e destinado a dar a coñecer o noso patrimonio medioambiental e favorecer a nosa economía. Un grupo de 55 solicitantes individuais de Pol foi recibido este martes no Pazo de San Marcos polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. A ruta elexida incluíu unha visita ó Centro de Artesanía e Deseño. A continuación, desprazáronse ó Concello de Viveiro, onde visitaron a lonxa e o porto de Celeiro, subirón ó alto de San Roque, e percorreron a praia de Covas. Mañá un grupo de 55 membros da Asociación de Veciños “San Martiño” de Distriz (Vilalba) coñecerán en primeiro lugar o Mazo de Santa Comba. Despois visitarán a igrexa de San Alberte (Guitiriz) e a Cova da Serpe. Por último, o xoves 55 membros da Asociación Cultural “Espalladoira” de Vilabade (Castroverde) desprazaranse ata a oleiría de Bonxe. A ruta tamén inclúe unha travesía marítima pola ría de Ribadeo e unha visita ó convento de Santa Clara e ó Centro de Cultivos Mariños.