Deputación de Lugo

A Deputación renova o convenio para a continuidade do CITT do Campus de Lugo

Imaxe deputación de lugo
As entidades asinantes achegarán á USC un total de 57.094 euros para o seu mantemento anual

O convenio de colaboración para o financiamento das actividades do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) de Lugo, que se asinara por primeira vez no ano 1995, renovouse este martes nun acto ao que asistiron como asinantes o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Caixa Rural Galega, José María Pardo; e o vicepresidente da Confederación Empresarial Lucense, David Manuel García. A finalidade deste convenio é promover as actividades de investigación tecnolóxica e a súa difusión no medio económico e social, favorecendo a interrelación entre as actividades universitarias e as necesidades empresariais. Gómez Besteiro destacou que “compartimos o mesmo proxecto e o interese pola innovación tecnolóxica. Na Deputación vamos a xestionar un fondo europeo de máis de 9 millóns de euros. Trátase dunha aposta seria ó igual que o convenio que renovamos hoxe”. As partes asinantes do convenio avaliaron positivamente o traballo realizado ata o día de hoxe, pola paulatina consecución dos obxectivos propostos e pola dinamización do sector da innovación tecnolóxica, a investigación e a difusión de coñecementos no espazo económico e social, do que é proba o crecemento nas actividades dos grupos de investigación do Campus Universitario en colaboración con empresas e institucións. A USC, que asume a función e iniciativa en materia de realización de actividades, contará cunha achega de 57.094 euros para que a práctica da cooperación entre institucións, empresas e universidade se converta no futuro nun xeito habitual de traballo.