Deputación de Lugo

A Sociedade Urbanística Provincial contará con 38.850.000 euros de presuposto para o ano 2008

O orzamento aprobado por unanimidade contempla actuacións en todas as comarcas da provincia

O Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial, SUPLUSA, presidida polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, aprobou este luns por unanimidade o presuposto para o ano 2008 que ascende a 34.850.000 euros. Deste xeito, a cantidade orzamentaria increméntase nun 10% con respecto ó exercicio anterior, que se cifraba en 31.446.000 euros, o que “demostra a aposta que fai a Deputación por ampliar as súas actuacións en solo industrial, converténdose nun dos principais pilares do organismo provincial”. SUPLUSA actuará en 32 Concellos – Burela, Pol, Ourol, O Vicedo, Begonte, Trabada, Castroverde, Abadín, Baleira, Lourenzá, A Fonsagrada, Riotorto, Pedrafita, Vilalba, Friol, Meira, Baralla, Cospeito, Becerreá, Antas de Ulla, Láncara, Paradela, Guntín, Samos, O Incio, Chantada, O Saviñao, Carballedo, Pantón, Pobra de Brollón, Sober e O Páramo- “polo que non queda unha comarca sen bater e sen facer estudos previos de xeración de solo industrial”, tal e como indicou o titular da Deputación. Gómez Besteiro explicou que a xeración de solo industrial é un proceso que comeza por determinar a zona na que se vai actuar para logo seguir cos estudos técnicos pertinentes, a tramitación dos plans urbanísticos e a compra-venta de terreos. Deste xeito, puxo como exemplo a situación de Viveiro, “unha actuación futura na que se está estudando a idoneidade do solo industrial no entorno de Chavín”. A filosofía da Sociedade Urbanística Provincial para a creación de solo industrial basearase na colaboración con outras administracións, a través de operacións concertadas coa Xunta de Galicia e co Estado (SEPES). “Non nos pechamos a ter socios nas operacións de xeración de solo senón que actuaremos alí donde outras administracións non o fan, como é o caso das Gándaras, cuberta por Xestur Galicia”, destacou Gómez Besteiro. A forma de actuación tamén será diferente dependendo da situación de cada Concello. Factores como a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou a modificación do Plan Sectorial de solo industrial determinarán este proceso. Así, por exemplo, Castroverde está pendente do documento urbanístico ó igual que Pedradita, e Riotorto, pola súa banda, da modificación do Plan Sectorial. A Sociedade Urbanística Provincial tamén actuará na parte noreste da provincia, concretamente no Concello da Fonsagrada. Gómez Besteiro destacou que se trata “dunha actuación importante nunha zona que ademais é cabeceira de comarca e que ata o de agora carecía de solo industrial”. O Presidente da Deputación engadiu ademais que o obxectivo de SUPLUSA é “aliviar ás empresas ubicadas nos pequenos Concellos que por mor da deslocalización teñen dificultades para sobrevivir”.