Deputación de Lugo

A plantilla breoganista recibiu os parabéns dos lucenses de mans do Vicepresidente da Deputación

Cunha recepción nos xardíns do Pazo de San Marcos, Antón Bao deu a noraboa ao equipo breoganista pola súa recente conquista deportiva

O Breogán converteuse a pasada fin de semana en campión da Copa Príncipe que é o primeiro trofeo disputado na liga LEB LUGO, 28 DE XANEIRO. O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, recibiu hoxe no pazo de San Marcos ao plantel do clube baloncesto Breogán que veñen de acadar esta fin de semana o primeiro título da tempada disputado na Liga LEB. O Breogán arrebatoulle ao Alacante, nunha final de infarto, a Copa Príncipe na final celebrada na cidade de Zaragoza. Nesta recepción, celebrada nos xardíns da Deputación, o vicepresidente primeiro da Deputación recibiu de mans do presidente da entidade breoganista unha camiseta asinada por todos os xogadores. Antón Bao entregoulle unha figura de Sargadelos ao equipo breoganista e un agasallo para cada un dos membros do plantel. Antón Bao como vicepresidente primeiro da Deputación e tamén como membro do consello de administración do Breogán valorou este logro e cualificouno como o resultado dun equipo que non se rende e sabe sufrir ate o final. O vicepresidente primeiro manifestou o compromiso da Deputación coa entidade Breoganista. En palabras do vicepresidente primeiro Antón Bao “a Deputación vaise involucrar decididamente en que o proxecto do Breogán culmine devolvendo ao noso clube á ACB, o seu lugar natural”. Durante o recibimento o vicepresidente primeiro Antón Bao manifestou o seu desexo de que máis cedo que tarde todos poidamos ver algún lucense xogar moitos minutos no 1º equipo como froito dun intenso traballo cos equipos da base. Ademais Bao transmitiu, en nome do goberno da Deputación, “a noraboa a todos os compoñentes do clube breoganista, xogadores, equipo técnico, traballadores/a, e directivos”; ademais Bao felicitou, sobre todo, á afección de Lugo que sabe sufrir pero tamén sabe gozar destes momentos de alegría”