Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación acompaña a Pérez Touriño na visita ás obras do novo hospital de Lugo

O titular da Xunta destaca que o novo centro hospitalario, no que se investirán máis de 200 millóns de euros, prestará un “servicio de primeiro nivel” a unha poboación de máis de 225.000

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Bestiro, acompañou ó titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na visita que realizou ás obras do novo hospital de Lugo, na que tamén particparon a Conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, e o Alcalde da cidade amurallada José López Orozco. O mandatario autonómico puxo de manifesto o compromiso do Goberno galego cunha “materia tan sensible como é a sanidade” e remarcou que o novo hospital de Lugo, no que se investirán máis de 200 millóns de euros, permitirá ampliar notablemente a oferta sanitaria da cidade e da súa área xeográfica, dando “un servizo de primeiro nivel” a unha poboación de aproximadamente 225.000 habitantes. Segundo explicou Pérez Touriño aos medios de comunicación unha vez concluída a visita, só en equipamento investiranse máis de 38 millóns de euros. De feito, tal e como explicou o titular da Xunta, o hospital contará con “tecnoloxía moi potente e de última xeración”, entre a que se inclúen experiencias pioneiras no eido do denominado “transporte robotizado”, que vai garantir unha eficaz mobilidade para todos os elementos de loxística interna desta infraestrutura sanitaria. Novos servizos Xunto a isto, o presidente da Xunta destacou que o novo hospital de Lugo permitirá dotar á cidade e á súa área xeográfica de novos servizos en materia sanitaria relativos á medicina nuclear ou radioterapia, entre outros, ao tempo que multiplicará a oferta existente. Paralelamente, a nova infraestrutura sanitaria aposta polo desenvolvemento no seu marco de accións de innovación e investigación no eido sanitario, promovendo unhas “prestacións sociais á altura do século XXI”, segundo subliñou Touriño. Posta en marcha en 2009 O máximo mandatario autonómico datou a posta en marcha do novo hospital para o ano 2009, unha vez conclúa a obra civil e o seu equipamento. Neste sentido, a titular de Sanidade, María José Rubio, remarcou que “a definición de novos equipos” para a obra permitirá pór en marcha unha infraestrutura “á altura de calquera hospital europeo”. Segundo precisou a conselleira, o novo hospital permitirá desenvolver novos servizos en disciplinas tan relevantes como a Oncoloxía, ou a Hemodinámica. Tal e como explicou o arquitecto da obra, Luís Fernández Inglada, ás autoridades presentes na visita, o novo hospital de Lugo posúe elementos pioneiros en materia de arquitectura civil, que están xa “sendo imitados por outras autonomías españolas”. O arquitecto da obra explicou os seus elementos ante unha maqueta do novo hospital situada no andar cero. A continuación, as autoridades percorreron o que será a futura zona de urxencias, así como a zona de hospitalización pediátrica e de consultas externas do novo hospital, recibindo explicacións do responsable da obra, que manifestou o seu interese por dotar a infraestrutura dunha “dimensión humana”. De feito, segundo subliñou, nas paredes dos cuartos haberá obras de arte e litografías realizadas por diferentes artistas que permitirán “amenizar” o período de hospitalización dos pacientes.