Deputación de Lugo

A sala de exposicións da Deputación acolle a mostra Valle-Inclán, Caricaturas e Visións do artista siro

Imaxe deputación de lugo
De xeito complementario, o Pazo de San Marcos acollerá mañá o relatorio do debuxante ferrolán sobre o escritor, e o vindeiro día 2 de abril, a conferencia Aspectos Biográficos de Valle-Inclán da man do seu neto Xaquín del Valle-Inclán Alsina

A Sala de Exposicións da Deputación de Lugo acolle, dende hoxe ata o vindeiro 19 de abril, a mostra Valle-Inclán, Caricaturas e Visións do artista ferrolán Siro López Lorenzo, quen asegura ter feito máis dun cento de retratos, caricaturas e visións de don Ramón María del Valle Inclán e recoñece que estas “non abondan para apreixar a xigantesca personalidade que se agacha baixo tan feble encarnadura”. Así, o autor ofrece unha escolma variada do seu traballo que –asegura- non remata aquí porque o engado que sobre el exerce como autor e como persoa fará que siga a procuralo en cada mancha, en cada liña. Para complementar esta exposición, mañá 17 de marzo ás 20:00 horas, terá lugar o relatorio do artista plástico e xornalista, Siro López Lorenzo, titulado Literatura e Ilustración con Valle-Inclán como modelo, e o vindeiro día 2 de abril, ás 18:00 horas, terá lugar a conferencia Aspectos Biográficos de Valle-Inclán a cargo profesor, escritor e investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto do finado dramaturgo, poeta e novelista, nado a mediados do século XX en Santiago de Compostela. Tanto a entrada á mostra coma aos relatorios, todos eles localizados no Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos, serán gratuítos e abertos ao público en xeral. Unha vida dedicada ao humorismo Os comezos de Siro López (Ferrol, 1943) datan dos anos 70, momento no que empezou a colaborar coa revista de humor Chan. Logo traballaría en El Ideal Gallego onde faría humor, caricatura política e artigos sobre arte e cultura galega. En 1973 deseñou xunto con Carlos Casares un espazo sobre política internacional en galego no xornal La Región chamado “Con esta lupa”. Dende o ano 1985 ata 2006 desenvolveu o seu labor como caricaturista na cabeceira La Voz de Galicia. O artista ferrolán ten publicados numerosos álbums, ilustrou obras de Helena Villar Ponte, Neira Vilas, Manolo Rivas ou Barreiro Rivas, entre outros. A maiores, Siro López expuxo a súa obra nas sete grandes cidades galegas, noutras localidades coma Betanzos, Pontedeume ou Ribadeo e en cidades españolas como Madrid, Bilbao, Barcelona ou a portuguesa Lisboa. A súa traxectoria artística foi recoñecida en numerosas ocasións e alzouse con numerosos premios coma o Merlín (El Progreso, 1980), o Fernández Latorre (La Voz de Galicia, 1986), o Santiago (Radio Televisión Española en Galicia, 1987), a Medalla da Xunta de Galicia (1997) ou o premio Álvaro Cunqueiro de Teatro (Igaem, 2004), entre outros moitos galardóns.