Deputación de Lugo

O MUSEO PROVINCIAL ACOLLE A EXPOSICIÓN ARREDOR DO DEBUXO DO CREADOR LUCENSE CELSO DOURADO

O uso da liña en detrimento da cor define en boa medida as 96 obras que se inclúen nesta mostra retrospectiva

As mans e as facianas están presentes en toda a súa produción artística O Delegado de Cultura da Deputación de Lugo , Antonio Veiga, inaugurou esta mesma tarde a exposición Arredor do Debuxo, acompañado do seu creador, o artista lucense Celso Dourado (Barreiros, 1960). Nesta ocasión, coma noutras moitas, o autor comentou que el prefire que sexan os propios visitantes quen descodifiquen e recompoñan no seu maxín o significado de cada un dos seus cadros. O uso da liña en detrimento da cor define en boa medida as 96 obras que se seleccionaron para esta mostra. Ademais, a presenza de mans e facianas é tamén unha constante en toda a súa produción artística, moi vinculada á estética surrealista. Como é lóxico, as súas experiencias e vivencias persoais determinan tamén os contidos dos seus cadros. De feito, Celso Dourado perdeu as dúas mans nun accidente fortuíto cando era tan só un neno, feito que o marcou psíquica, física e incluso artisticamente. Para a elaboración dos debuxos e retratos, o artista lucense empregou o lapis, o bolígrafo e determinadas técnicas pirográficas que contribuíron en boa medida á consecución deste produto artístico de primeira liña. Con todo, Dourado conta cun espazo de seu para expoñer as súas creacións, un local - vivenda, obradoiro e sala de exposicións- situado a carón da praia das Pasadas, en San Miguel de Reinante (Barreiros). Os xardíns, a madeira e a pedra fan do lugar un entorno ideal para tomar un primeiro contacto co surrealismo galego do século XXI. Os seus traballos como ilustrador e as súas primeiras obras, datadas a comezos dos 80, teñen cabida neste peculiar espazo creado polo artista lucense. A mostra poderase visitar ata o vindeiro 4 de febreiro nas salas número 25, 26 e 26 do Museo Provincial de Lugo.