Deputación de Lugo

No pazo de San Marcos presentouse, aos clubes de fútbol,
a XXV Edición da Copa Deputación

Os clubes de fútbol decidiron, xunto cos responsables da área de deportes da deputación e da federación galega de fútbol, o modelo de competición que terá este ano a copa deputación

A Área de Deportes, que dirixe Antonio Veiga, incrementará este ano o orzamento destinado ao patrocinio da Copa Deputación O responsable da Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga presidiu, na mañá de hoxe, unha xuntanza na que participaron máis de cuarenta clubes de fútbol das categorías 1ª, 2ª, 3ª autonómica e Autonómica Preferente. Nesta xuntanza, que tiña como principal obxectivo a presentación da XXV edición da Copa Deputación, Antonio Veiga estivo acompañado do Delegado en Lugo da Federación Galega de Fútbol, Carlos Mouriz. Nesta competición, organizada pola Federación Galega de Fútbol e patrocinada pola Área de Deportes da Deputación de Lugo, veñen participando uns 80 clubes de fútbol que representan, aproximadamente, o 95 % dos equipos da provincia. Tanto os responsables da Federación Galega de Fútbol como os responsables da Área de Deportes da Deputación pretenden, neste ano do 25 aniversario, acadar unha participación do 100 % dos equipos da provincia que militan nas categorías 1ª, 2ª, 3ª autonómica e Autonómica Preferente. Antonio Veiga anunciou tamén que durante este ano do 25 aniversario da Copa Deputación haberá unha chea de actividades que resalte esta data conmemorativa. Entre as actividades paralelas á competición celebraranse conferencias nas que participarán, entre outros, adestradores galegos de primeira división e xogadores da selección galega de fútbol. Na mañá de hoxe celebráronse os sorteos que emparellaron aos equipos para as fases eliminatorias. Os emparellamentos para esta primeira fase da competición realizáronse por unha banda entre os equipos das categorías Autonómica Preferente e 1ª autonómica e por outra banda entre equipos de 2ª e 3ª autonómica. INCREMENTO NO ORZAMENTO DA COPA DEPUTACIÓN NA SÚA XXV EDICIÓN O responsable da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga anunciou nesta xuntanza un incremento da partida orzamentaria asignada a esta competición que este ano ascenderá a 80.000 € mentres que en pasadas edicións roldaba os 60.000 €. Segundo Veiga a Área de Deportes realizará, neste ano do 25 aniversario da Copa Deputación, un esforzo encamiñado a facer desta competición un lugar de encontro atractivo para todos os clubes das distintas comarcas lucenses. Veiga indicou que “a Copa Deputación debe servir de estímulo para que todos os equipos, independentemente da categoría na que militen, se sintan protagonistas e debe de contribuír a que os clubes que traballan no impulso do deporte de base dispoñan dun escenario axeitado para amosar o traballo que están a desenvolver” NOVIDADES NO SISTEMA DE COMPETICIÓN Atendendo unha proposta da Área de Deportes da Deputación de Lugo os clubes acordaron xogar, no mes agosto, unha Supercopa da Deputación. A Supercopa celebraríase en dúas xornadas. O 17 de agosto xogarase cun encontro polo sistema de 3 en 1 no que participarán o gañador da fase da Copa Deputación desputada entre os equipos de Autonómica Preferente e 1ª autonómica e 2 equipos lucenses dos que militan en categorías estatais. O outro encontro da supercopa celebrarase o 24 de agosto e xogarase cun encontro polo sistema de 3 en 1 no que participarán o subcampeón e o campeón da fase da Copa Deputación desputada entre os equipos 2º e 3 autonómica e o subcampeón da fase da Copa Deputación desputada entre os equipos de Autonómica Preferente e 1ª autonómica. Na xuntanza, os clubes participantes, decidiron que os clubes de primeira autonómica van a facer unha competición previa entre eles para evitar o parón de ou tres meses que se produciría dende o final da competición ata o comenzo da Copa Deputación.