Deputación de Lugo

Melchor Roel destaca a importancia da defensa dos servizos públicos en momentos de crise

Imaxe deputación de lugo
O Deputado provincial participou na clausura do VIII Congreso da Federación de Servizos Públicos de UXT

O Deputado de Persoal, Recursos Humanos e Réxime Interior, Melchor Roel, participou este venres na clausura do VIII Congreso Provincial da Comisión Executiva da Federación de Servizos Públicos de UXT Lugo. Melchor Roel desculpou a ausencia do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que finalmente non puido asistir ó acto, “pero que lle houbera encantado compartir estes momentos con todos os asistentes ó encontro”. O Deputado provincial destacou o traballo desenvolvido ó longo destes anos por esta organización sindical na defensa dos servizos públicos. “O feito de que hoxe se celebre este encontro, tendo en conta que hai pouco máis de un mes e medio que tivo lugar nesta cidade o X Congreso Comarcal, isto demostra que este é un sindicato activo na defensa do público, e faino partindo do diálogo e da unión social”. Neste senso, subliñou que o seu labor é fundamental nun momento de dificultade económica como o actual. “As saídas á crise non poden limitarse ó recorte dos servizos públicos. Isto ten un nome: pasarlle a factura ós veciños. Para traballar con visión de futuro temos que reinventarnos e redefinir modelos de xestión que nos permitan ser máis competitivos”. Asimesmo, Roel salientou que “nestes momentos temos que priorizar e impulsar iniciativas que vaian encamiñadas a fomentar a creación de emprego. Na Deputación imos executar un macroplan de 20 millóns de euros co que aumentaremos o investimento en obra pública prevista para os 2 próximos anos. A pesar de ter menos ingresos, incrementaremos os investimentos, xa que nestes momentos o importante é mellorar os recursos destinados a servizos públicos básicos. Un exemplo disto é o Centro de Recría que construiremos na Granxa Gayoso-Castro e no que os sindicatos agrarios teñen postas moitas ilusións”. Regularización dos traballadores O Deputado provincial destacou o esforzo que está a realizar a Deputación estamos pola funcionarización, é dicir, a regularización dos contratos laborais fixos que ocupan postos que deben ser desempeñados por funcionarios. Un informe do Consello de Contas sobre a xestión de persoal da Deputación puxo de manifesto que esta era unha irregularidade constante na xestión do anterior equipo de goberno, xa que moitos postos que debían ser desempeñados por funcionarios de carreira estiveron ocupados por persoal laboral. No Congreso tamén participaron a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, a Secretaria de UXT Galicia, Delia Irene Martínez, o Secretario de correos de Federación UXT, José Sallagués, o Presidente do Consello de Relacións Laborais deste Sindicato, Demetrio López, o Secretario FSP Galicia, José Manuel Vázquez, e o Secretario Xeral FSP, Eliseo Rivas.