Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación asegura que o parque de bombeiros de Barreiros estará en funcionamento en 2008

Lara Méndez visitou as instalacións desta infraestrutura que leva construída catro anos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, acompañada do Alcalde de Barreiros, José Alfonso Fuente Parga, así como de técnicos da Consellería de Presidencia e da Deputación visitaron este venres as instalacións do parque provincial de bombeiros barreirense. Lara Méndez quixo comprobar “in situ” o estado destas instalacións que levan construídas catro anos e que supoñen “un servizo necesario e moi demandando polos veciños da zona”. A Vicepresidenta Segunda indicou que a creación da rede provincial de extinción de incendios e, concretamente, a posta en marcha da infraestrutura barreirense “foi un dos compromisos que primeiro asumiu o novo equipo de goberno, polo que queda claro que o marroncito do que falaba o señor Barcia vaise levar a cabo”. Sinalou que o parque de Barreiros estará en funcionamento no ano 2008. “Hoxe estamos dando un paso máis para cumprir cun dos compromisos asumidos pola nova Corporación provincial”. A creación da rede provincial de parques de bombeiros conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, e da Deputación de Lugo. Ámbalas dúas institucións sufragarán o seu custe e mantemento. Para a súa construción e dotación, destinaranse 9 millóns de euros, e 3,5 millóns anuais para o seu mantemento. A Vicepresidenta Segunda sinalou que se trata “dun custe elevado, pero grazas a esta colaboración vaise eximir ós Concellos do seu pagamento, podendo revertir estes os cartos destinados á posta en marcha dos parques a outros servizos que tamén demanda a cidadanía”. O Alcalde de Barreiros, que acompañou á Vicepresidenta Segunda na visita, engadiu que “hoxe é un gran día para este Concello. Alégrome de que se dese este paso desde a Deputación, xa que poñer en marcha o parque de bombeiros debe estar por riba das disputas políticas”. José Alfonso Fuente Parga agradeceu tamén a colaboración prestada pola Xunta e a Deputación. “O feito de que se nos exima ós Concellos de correr co custe dos parques é unha boa nova”.