Deputación de Lugo

O INLUDES promociona a Reserva da Biosfera “Terras do Miño” en Ribas de Sil

Imaxe deputación de lugo
O deputado e o delegado de Medio Ambiente presentarán a exposición “A Reserva Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza”

A deputado da Área de Urbanismo e Medio Ambiente, Miguel Ángel Sotuela, acompañado do delegado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, e a técnico do INLUDES, Laura Vázquez, presentarán o xoves, día 20, en Ribas de Sil a exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra- Támoga. O Programa LIFE-Natureza”. A mostra que permanecerá na Biblioteca Municipal deste Concello ata o vindeiro día 14 de xaneiro de 2008 amosa a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia no ano 2002. A exposición consta de debuxos e fotografías, así como doutro material audiovisual que amosa un resumo do labor realizado polo INLUDES en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. Laura Vázquez Janeiro, técnico do INLUDES, realizou unha visita guiada coa que se deu a coñecer os valores etnográficos e ambientais da Biosfera. A mostra inaugurouse no ano 2005 e desde entón estivo exposta ó público no Museo Provincial de Lugo, no Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Auditorio de Mondoñedo, no IES Fontem Alobaei da Fonsagrada, na Casa da Cultura de Vegado (Asturias) e na Escola Abanera de Guitiriz. Unha vez rematada a estancia no municipio de Ribas de Sil a exposición continuará o seu percorrido itinerante polos distintos concellos da provincia co obxectivo de achegar ós escolares e á poboación en xeral conceptos como os de “Reserva da Biosfera” ou “Rede Natura 2000”.