Deputación de Lugo

O Museo de Lugo comenza os actos conmemorativos do seu
75 aniversario

Será un ano repleto de actividades que culminará coa reinauguración do Museo de Lugo o 10 de xaneiro de 2.009 coincidindo coa data da súa apertura no 1934

Un “cartafol” cunha colección de 75 láminas con imaxes do museo de Lugo entregaranse ao longo do ano 2008 LUGO, a 9 de xaneiro de 2008. A Área de Cultura da Deputación anunciou que o museo de Lugo comezará os actos de celebración do seu 75 aniversario o 10 de xaneiro de 2008 e remataraos o 10 de xaneiro do ano 2009. Ao longo de todo este ano celebraranse diversas actividades que terán como eixo principal a celebración dos 75 anos de existencia do Museo de Lugo. Segundo sinalou o responsable da área de Cultura, Antonio Veiga, “o obxectivo fundamental de todas as actividades programadas será o de achegar o Museo ás persoas para lograr que as persoas se acheguen ao Museo”. Así Antonio Veiga quixo significar a importancia que estas actividades terán dentro da vida cultural lucense. As actividades iranse anunciando ao longo do ano coincidindo coa momento en que se vaian a iniciar. Presentouse o cartafol que se publica con motivo do 75 aniversario. Esta publicación está concibida como unha guía gráfica do museo é unha colección de 75 láminas que se irán entregando a partir do día 10 de xaneiro (coincidindo coa data de apertura do Museo) ao longo do ano 2008 e ata o día 10 de xaneiro do 2009. Cada unha das láminas presenta unha fotografía dunha peza ou unha dependencia significativa do museo. No reverso das láminas inclúese un texto de carácter divulgativo que tratará de achegar ao público a información esencial sobre cada peza e a súa contextualización histórico-artística. A entrega das láminas da colección farase nas datas indicadas nas dependencias do Museo. Sempre que sexa posible a entrega farase nun lugar próximo á ubicación da peza reproducida na correspondente lámina. As entregas serán gratuítas para todos aqueles que a soliciten. PRESENTACIÓN DA ACTIVIDADE “CONTRA O MURO” O museo organizará unha actividade mensual que levará por nome “Contra o Muro”. Esta actividade vai consistir nunha serie de proxeccións audiovisuais que se farán os días 10 de cada mes (en horario de 8 da tarde a 12 da noite) nas fachadas do Museo (tanto na principal da Praza da Soedade, como nas fachadas que dan ao xardín dos Irmáns Fernández López). Nestas proxeccións, coas que se pretende dalgunha maneira sacar o Museo á rúa, e simbolicamente traspasar os seus muros, vanse presentar distintas series fotográficas con contidos referentes ás pezas coleccións, edificios e historia do Museo. Nesta primeira entrega de “Contra o muro” o eixo temático da proxección vai estar centrado en fotografías de caras, rostros que pertencen a obras do Museo nos máis variados soportes e cronoloxías.