Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo creará un centro de recría na Granxa Gayoso-Castro no ano 2009

Trátase do proxecto máis ambicioso levado a cabo no campo galego nos últimos anos

A Deputación de Lugo creará un centro de recría na Granxa Gayoso-Castro no ano 2009. Así o anunciaron o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez e o Deputado delegado da Área de Agricultura e Gandeiría, José María Arias. Gómez Besteiro destacou que dentro da aposta de apoiar a rendibilidade das explotacións da provincia, o centro “marcará o mandato do novo equipo de goberno”. Dos 14.000 produtores de leite que hai en Galicia, 6.000 están na provincia de Lugo. De toda a cota láctea española, a Galicia correspóndelle dous millóns duascentas oitenta mil toneladas, e preto do 50% desta cantidade prodúcese en Lugo. Neste senso, o titular da Deputación engadiu que o centro de recría é “o proxecto máis ambicioso levado a cabo no últimos anos no campo galego” ó tempo que incidiu que “mellorará a calidade de vida dos gandeiros e dos animais, evitará o problema real de falla de infraestruturas e de man de obra, converténdose nun centro rendible para todo o sector agrogandeiro da provincia, pioneiro no eido da investigación e da innovación”. O centro de recría, que disporá de 2.000 a 4.000 cabezas de gando, conta con 4 millóns de euros e estará en marcha ó longo do ano 2009. Neste senso, o máximo mandatario provincial destacou que malia que estará financiado pola Deputación de Lugo, “buscaremos a colaboración doutras administracións como a Xunta de Galicia, a Consellería de Medio Rural e o propio Ministerio de Agricultura. Será un centro innovador no eido da investigación, da xestión, de administración e de colaboración, no que sumaremos a todas as administracións necesarias para que a Granxa, situada en plena zona da Terra Chá, teña unha distinción de calidade”. Ata o de agora, os gandeiros da provincia tiñan que ir fóra, concretamente a Zaragoza, para ter este servizo de recría de novillas, cun gasto aproximado de 70-80 euros mensuais por cabeza, supoñendo un custe total de 1300 euros. “O noso obxectivo é que ese valor engadido que se perde cando as nosas novillas van a Zaragoza, repercuta aquí”, explicou o titular do organismo provincial. Mellora Xenética e Formación Pola súa banda, a Vicepresidenta Segunda da Deputación e Deputada da Área de Promoción Económica e Emprego, Lara Méndez, explicou que na actualidade a Granxa Gayoso-Castro conta con 331 animais de especie bovina destinados á produción láctea. Neste senso, indicou que a segunda liña estratéxica será a mellora xenética e a formación, a través da colaboración coas facultades de Veterinaria e Politécnica do campus lugués. Lara Méndez explicou, ademais, que seguindo esta liña de acción “formarase a equipos de sustitución que melloren a calidade de vida dos gandeiros, xa que un dos problemas que teñen hoxe en día é dispoñer de días libres”. A Vicepresidenta Segunda indicou tamén que outra das prioridades é conseguir a distinción de calidade, “o que nos obrigará a realizar unha selección sanitaria de todos os animais para que cumpran os requisitos dun ente público”. “O centro de maior envergadura de Galicia” Baixo a premisa “renovarse ou morrer”, José María Arias, incidiu en que este centro de recría “é o proxecto de maior envergadura a nivel gandeiro de toda Galicia”. O Deputado delegado da Área de Agricultura e Gandeiría destacou que a acción da Deputación irá encamiñada a solucionar os problemas medioambientais cumprindo os parámetros da UE. Ó longo destes anos, a Deputación realizará obras de mellora das instalacións valoradas en 486.471 euros que terán como obxectivo número un a recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos que se xeneran na explotación gandeira, así como o abastecemento de auga e a potabilidade da mesma e o caudal suficiente. As obras pretenden minimizar a incidencia medioambiental, protexer a paisaxe e o medio natural, adaptar ás construcións á tipoloxía da zona e non alterar o medio físico. No proxecto contémplase a construción de: -2 fosas de purín, -2 fosas sépticas, -1 estercoleiro, xa que as fosas son de volumen moi insuficiente e o abono sólido era retirado a calquera lado da parcela. -Outra actuación será a construción dunha depuradora ó carón da sala de ordeño e leitería, unha das dependencias máis importantes nunha nave de vacún de leite. -Tamén é precisa unha recollida de aguas pluviais, xa que a zona é terra cha e doada de anegar, polo que na época de chuvias está asolagada. Esta orografía é positiva xa que, non son necesarios grandes movementos de terra para executar todas estas obras. Historia da Granxa A Granxa Gayoso-Castro está emprazada no Concello de Castro de Rei e ten unha extensión de 304 hectáreas. Iniciou a súa actividade no ano 1942 cun dobre obxectivo: desenvolver labores de investigación a favor do sector primario da provincia e abastecer de produtos ós centros benéficos dependentes da Deputación. Sen embargo, a Granxa está desde hai anos nun estado de semi-abandono a todos os niveis. Logo de encargar os informes oportunos, o organismo provincial acometerá melloras nas súas instalacións, así como a creación do centro de recría. Proxectos que a Deputación porá en marcha a través da colaboración co Campus de Lugo, Administacións e empresas interesadas.