Deputación de Lugo

Deputacion de Lugo e Xunta de Galicia acordan constituír tres comisións Técncias para traballar no traspaso dos hospitais provinciais ó SERGAS

Imaxe deputación de lugo
Estes son os únicos centros de titularidade pública que aínda non están transferidos á Comunidade Autónoma

José Ramón Gómez Besteiro e María José Rubio lideraron hoxe unha xuntanza da comisión mixta que pretende a transferencia ao Servizo Galego de Saúde o Hospital Provincial San José e do Psiquiátrico San Rafael. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, presidiron este mércores unha xuntanza da comisión mixta de traspaso dos hospitais dependentes da Deputación de Lugo ao Servizo Galego de Saúde. Ámbolos dous representantes políticos salientaron o clima de colaboración co que se desenvolveu o encontro. Nesta xuntanza, celebrada no complexo administrativo de San Lázaro, en Santiago de Compostela, quedou constituída a comisión mixta de transferencia cunha nova composición adaptada á composición actual de ámbalas dúas institucións. Do mesmo xeito, acordouse a constitución de tres comisións técnicas que comezarán a traballar a mediados de marzo entorno aos custes económicos, ó persoal e ós bens inmobles. Tanto a Consellería de Sanidade como a Deputación de Lugo están de acordo en que as condicións do traspaso destes dous centros, os únicos de titularidade pública que aínda non están transferidos á Comunidade Autónoma, deben de seguir os mesmos criterios cos que se acadou as demais transferencias das corporacións locais. Cada unha das comisións estará constituída por dous ou tres representantes de cada unha das administracións. Os seus titulares poderán ser asistidos por técnicos. A mediados de marzo fixarase, tamén, un calendario que rematará coa efectividade do traspaso. A anterior xuntanza desta Comisión celebrouse en maio de 2006, e os traballos foron desbloqueados polo presidente da Xunta de Galicia e a conselleira de Sanidade en cadansúa xuntanza co novo presidente da Deputación de Lugo. Na xuntanza de hoxe participaron, por parte da Xunta de Galicia, a Conselleira de Sanidade, o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Cayetano Rodríguez Escudero; o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade, Germán González Pazó; o director xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Francisco Pais López; o director xeral de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde, Antonio José Fernández Paniagua; e os subdirectores xerais de Recursos Económicos e Análise Orzamentario da Consellería de Economía, Joaquin Caballero Miranda; e de Orzamentos do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo. Pola súa banda, a delegación da Deputación de Lugo estivo presidida polo seu titular, José Ramón Gómez Besteiro, e integrada polo delegado de Persoal e Réxime Interior, Melchor Roel Rivas; o secretario da Deputación, Faustino Martínez Fernández; e a interventora da Corporación provincial, Rosa Abelleira Fernández. Tamén forma parte desta comisión, aínda que hoxe estivo ausente, a vicepresidenta terceira e delegada da área de Sanidade, María Xosé Vega Buján.