Deputación de Lugo

O Concello de Lugo e as Deputacións da Coruña e Lugo poñen en marcha o proxecto PARNET-TIC destinado ao fomento da sociedade da información nos territorios rurais

Imaxe deputación de lugo
No acto de presentación participaron o Alcalde de Lugo e os presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron esta mañá no Salón de Plenos do Consistorio o proxecto Europeo Partet-Tic destinado ao fomento da sociedade da información nos territorios rurais. López Orozco destacou que se trata dun proxecto liderado pola Deputación da Coruña que se desenvolverá a partir das xornadas que se celebrarán na cidade os próximos días 15, 16 e 17 de decembro. Serán unhas xornadas nas que se analizarán as accións a desenvolver a través do programa. O Alcalde de Lugo defendeu a modernización e o avance constante da Administración Local na implantación da Sociedade da Información. Así mesmo, fixo un chamamento para que as empresas e a Xunta de Galicia sexan partícipes desta implantación, sobre todo na zona rural, aquela na que existe unha importante brecha dixital. “Ou nos sumamos todos a este novo mundo ou haberá unha brecha profunda que repercutirá na nosa economía”. Pola súa banda, o Presidente da Deputación de Lugo subliñou que se trata “dunha decisión estratéxica por parte destas administracións que consideramos que o camiño das novas tecnoloxías é prioritaria. Nos nosos Orzamentos destinamos máis que outras administración á implantación da sociedade da información. Neste caso, facemos unha aportación ó longo de tres anos de cerca de 50 millóns das antigas pesetas”. Neste senso, Gómez Besteiro lembrou que a institución luguesa acaba de sacar a licitación “un dos presupostos máis importantes da Comunidade Autónoma dos últimos anos. Máis de 7 millóns de euros destinados á implantación da administración electrónica en toda a provincia. Isto suporá par os veciños, con independencia de onde vivan, ter a súa administración máis próxima”. A Parnet-Tic configúrase como unha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais. No proxecto colaboran 8 administracións territoriais de España, Francia e Portugal que comparten unha situación xeográfica e demográfica similar. Así, integran o proxecto a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Lugo a través do INLUDES, a Deputación Provincial de Huesca, a de Almería, o Concello de Lugo, a Cámara Municipal de Agueda (Portugal), o municipio Ville de Pau (Francia) e a Pole Universitarie Europèen de Monpellier (Francia). Parnet-Tic é un proxecto transfronteirizo no que participan 8 administracións locais de España, Francia e Portugal e que ten por obxectivo fomentar a sociedade da información nos territorios rurais, por medio da e-administración e da e-participación. O proxecto vai ter unha duración total de 2 anos e conta cun orzamento de 1.888.321 euros, cos que se desenvolverán utilidades e servizos destinados á cidadanía do medio rural, para contribuír ao desenvolvemento equilibrado do territorio. O proxecto está integrado no programa de cooperación territorial Espacio Sudoeste 2007-2013 da UE que pretende consolidar o sudoeste europeo como un espazo de cooperación territorial nos ámbitos da competitividade, a innovación, o medio ambiente, o desenvolvemento sostible e a ordenación espacial. Eixos do proxecto O proxecto conta con tres eixos básicos: 1. Deseño dunha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais 2. Servizos dixitais para a cidadanía 3. Plataforma para a participación cidadá 1. Este grupo de tarefas constitúe a primeira fase de execución do proxecto que ten como obxectivo o deseño do plan para a creación dunha rede transnacional de participación e servizos dixitais en territorios rurais. 2. Neste grupo de tarefas implántaranse nos distintos territorios participantes as propostas do plan relativas a servizos dixitais de e-administración. 3. O outro pilar do proxecto é o fomento e mellora da participación cidadá nos gobernos locais (e-democracia) por medio da creación dunha plataforma transnacional de Participación Cidadá. Obxectivos do proxecto Entre os resultados que o proxecto vai permitir atópanse os seguintes: - Un estudo comparativo entre os 8 territorios participantes sobre a situación de partida na implantación da e-administración e o e-goberno - Xornadas técnicas transnacionais sobre innovacións e referencias pioneiras en e-administración e participación cidadá e un documento coas propostas tecnolóxicas avaliadas - Constitución formal da rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais cun plan director - Desenvolvemento e adaptación de 6 aplicacións informáticas para a prestación de servizos públicos online e unha plataforma telemática transnacional de participación cidadá. - Centro de procesamento de datos e unha rede cun mínimo de 12 antenas en funcionamento nos distintos territorios participantes, xestionadas polas entidades. - Xornadas formativas destinadas a informar á cidadanía e un seminario final por cada antena. - Servizos de e-administración en marcha por cada entidade local. Estas aplicacións prestarán un servizo directo á cidadanía e ás PYMES con efectos positivos na dinamización económica do territorio. - Actividades postas en marcha por cada entidade local para consulta e participación da cidadanía na plataforma. O proxecto Parter-Tic pretende estimular o uso das TIC por parte da poboación e acometer as accións necesarias para estender a súa utilidade cara áreas de grande interese social, como a educación, a cultura e a administración en xeral. Accións inmediatas Entre as actuacións a levar a cabo con carácter inmediato, os días 16 e 17 levaranse a cabo unhas xornadas na Deputación de Lugo en relación coa e-administración e participación cidadá co obxectivo de estudar algunhas das melloras prácticas no campo das tecnoloxías e aplicacións relacionadas coa e-administración e participación cidadá e que sirvan de referencia para a creación da rede de participación e servizos dixitais en cidades rurais. As xornadas completaranse coa exposición e debate de varios casos de boas prácticas xa experimentadas por outros organismos públicos e empresas invitadas ao proxecto.