Deputación de Lugo

As organizacións sindicais estarán presentes no Foro Prolugo promovido pola Deputación xunto outras entidades

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro reunirase o luns con CCOO, CIG, UXT e CSI-CSIF

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, manterá o vindeiro luns unha reunión coas organizacións sindicais CSI-CSIF, UXT, CCOO e a CIG para que formen parte do Foro Prolugo. O pasado luns os sindicatos agrarios xa foron invitados a participar. Os novos membros do Foro Prolugo serán as organizacións sindicais logo de que nas últimas semanas o organismo provincial, a Fundación Caixa Galicia, o Concello de Lugo, a Universidade de Santiago e a CEL constituísen o Foro Prolugo, que comezará a súa andaina coa redacción do Plan Estratéxico da provincia para o periodo 2006-2013 e analizará a súa realidade actual, sinalando as medidas máis axeitadas para potenciar o seu desenvolvemento. A iniciativa engloba ós principais axentes públicos e privados que operan na provincia co fin de promover o seu desenvolvemento económico e social. Neste senso, o máximo mandatario provincial, xa mantivo onte unha reunión cos representantes de organizacións provinciais do sector agrario (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego), xa que, a súa presenza será fundamental no futuro desenvolvemento da provincia. Deste xeito, dase cumprimento ó manifestado por Gómez Besteiro no día da constitución do Foro de “ampliar esta concesión a outros sectores cuia presenza é imprescindible para promover a mellora da capacidade competitiva da provincia, activando os seus sectores clave, fomentando o desenvolvemento tecnolóxico e empresarial”. José Ramón Gómez Besteiro remitiralles a todos o acordo asinado polos axentes fundadores, ó tempo que lles está a facer unha invitación formal para participar na xuntanza do vindeiro luns.