Deputación de Lugo

Anton Bao presentou as actividades do Museo para o mes de abril

Os departamentos de didáctica e accesibilidade do museo de Lugo participarán no salón barcelonés de Expodidáctica

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, presentou esta mañá, en rolda de prensa, as actividades que se levarán a cabo neste mes de abril con motivo do 75º aniversario do museo de Lugo. Antón Bao fixo un percorrido pola programación do museo para este mes que hoxe comenzamos ademais de lembrar as exposicións que actualmente permanecen abertas no museo de Lugo como a mostra que leva por título PROXECTO ABERTAL, que é unha mostra conxunta de 99 artistas lucenses que abrangue diferentes disciplinas como: pintura, fotografía, escultura, videoinstalacións, etc... O vicepresidente primeiro anunciou as exposicións que terán lugar neste mes de abril. O mércores 3 de abril ás 20:00 horas inaugurarase a mostra do fotografo lucense Zalo. O martes 8 de abril ás 20:00 horas inaugurase unha mostra da pintora monfortina Gloria Fernández. O día mércores 9 de abril traladarase á facultade de Veterinaria a exposición Xoguetes Esquecidos, que permaneceu aberta, durante 1 mes, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos. Grazas a Caixa Nova chegará ao museo de Lugo unha mostra fotográfica sobre o pobo Bereber esta mostra abrirase ao público o xoves 10 de abril ás 20:00 horas. Tamén o xoves 17 de abril ás 20:00 horas inaugurarase, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, a mostra 5 Miradas que recolle a obra de cinco fotógrafos. Ademais manteranse as, xa habituais, entregas de láminas do Cartafol do Museo que se realizan cada 5 días e as proxeccións de imaxes que levan por título Contra o Muro e que teñen lugar no exterior do museo o día 10 de cada mes. 75 FESTAS Ao longo de todo este ano de celebración do 75º aniversario o museo programará para as fins de semana actividades lúdico-festeiras dirixidas a pequenos e maiores. Estas actividades contribuirán a converter o museo nun espazo aberto para disfrute de toda a cidadanía. O vicepresidente presentou as actividades programadas para este mes de abril que se celebrarán sempre ás 12:00 horas. Na primeira fin de semana teremos as actuacións de Vadim Yukhnnevich e Manolo ´Panforreteiro´ o sábado día 5, o domingo día 6 o espectáculo de Oswaldo Digó: Contamos Todos. Na segunda fin de semana o sábado día 12 Antonio García Teijeiro presentará Xogando cos Versos e o domingo 13 teremos proxección de documentais con A Cidade Perdida dos Incas e A Cidade Prohibida. Para a terceira fin de semana o sábado 19 haberá unha sesión de contacontos con Fátima Fernández e o domingo día 20 proxectaranse os documentais Ganghis Khan e Stanley / Livinggstone. Na derradeira fin de semana de abril o sábado 26 Antón Castro fará un espectaculo lúdico-musical para os máis pequenos e o domingo 27 Carruselo Circo das Pulgas presentará o espectáculo Galizas Pulgas Circus. UN CURSO DE ARTE BARROCO CONCERTOS MUSICAIS E DANZA Neste mes de abril o museo acollerá a VI edición do Curso A Arte Galega que este ano levará por título O BARROCO EN GALICIA: A SÚA RELEVANCIA NA PROVINCIA DE LUGO. Este curso desenvolverase, en sesións de mañá e tarde, entre os días 14 e 18 de abril. Os principais destinatarios do curso serán: guías e intérpretes de turismo, persoal de museos e estudantes de titulacións académicas vencelladas coa arquitectura, as belas artes e o turismo. O museo ten programados, en colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galiza, 5 concertos dentro do ciclo Espazos Sonoros. Música en Espazos de Interese Cultural. Estes concertos celebraranse no refectorio do museo provincial seguindo este calendario: O xoves, día 21, ás 21:00 horas, na praza Fillos de Antón de Marcos, actuarán os grupos Barbez (USA) e Vale Tudo (Lugo); o xoves, 24 actuará a soprano Araceli Fernández coa pianista Justyna Danczowska; o venres, día 25, os encargados do concerto serán Arte e Parte; o sábado, día 26, a música chegará da man do Grupo Instrumental Século XX; o domingo, día 27, o Cuarteto Quiroga serán os encargados de pechar esta quenda de actuacións musicais. A sala de mosaicos acollerá dous espectáculos de danza neste mes de abril, o primeiro será o mércores, día 16, ás 20:30 horas e virá da man o Grupo de Danza Universitaria. O segundo espectáculo será, tamén, na sala de mosaicos e nesta ocasión disfrutaremos de Danza Curta. Espazos que Danzan a cargo de Amparo Novas – O meu encontro; Experimentadanza – Acción-Reacción; Sós do curso de Guillermo Weickert; Ruth Balbis – O meu só O DEPARTAMENTO DE ACCESIBILIDADE DO MUSEO PARTICIPARÁ NO SALÓN BARCELONÉS DE EXPODIDÁCTICA O salón expodidáctica está enmarcado dentro da Setmana de la Formació i el Treball que se celebra en Barcelona, entre os días 3 e 5 de abril, e ten como obxectivo presentar aos profesionais da docencia a mellor oferta e as últimas novidades en material didáctico, recursos pedagóxicos e equipamento docente. Os departamentos de didáctica e accesibilidade do museo de Lugo participarán neste salón co fin de dar a coñecer todo o traballo que se está levando a cabo no eido de accesibilidade, non entendendo a accesibilidade como unha simple eliminación de barreiras arquitectónicas se non como unha formulación museográfica que permita un uso equitativo e flexible que faga do museo un espazo apto para todas as persoas. Neste salón os responsables do museo de Lugo presentarán os distintos proxectos, xa postos en marcha, que fan do museo de Lugo un museo visitable para todos e para todas. Para exemplificar estes proxectos Antón Bao referiuse á utilización de pictogramas e do sistema braille e a elaboración de guías que permiten a visita a calquera persoa independentemente das capacidades que esta teña e á recente instalación de sistemas que fan do edificio do museo un espazo verdadeiramente accesible.