Deputación de Lugo

Todos os grupos políticos estarán presentes por primeira vez nas Mesas de Contratación da Deputación

O voceiro socialista di que “é un dos acordos que fai historia na Deputación ”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres unha proposta da Presidencia que garante por primeira vez a presenza dos tres grupos políticos con representación na Corporación provincial nas Mesas de Contratación. O voceiro socialista, Antonio Gato Soengas, dixo que este “é un dos acordos que fai historia na Deputación porque permite que todos os grupos políticos estean presentes nos órganos colexiados como as Mesas de Contratación, algo impensable ata o de agora”. Con esta iniciativa, facilítase unha participación máis plural e transparente nas tomas de decisión relevantes para a provincia, e prevese a presenza da oposición no proceso de adxudicación de obras por parte do organismo provincial. “Significa cumprir cun compromiso de apertura, transperencia e democratizacion. É unha maneira distinta de facer política desde a propia neutralidade cando se toman decisións políticas que afectan a aspectos importantes da provincia”, apuntou Gato Soengas. As mesas de contratación estarán compostas polo Presidente da Deputación, a Delegada de Economía e cadanseu representante dos grupos provinciais do PSOE, BNG e PP, ademais dos funcionarios responsables. Foro Prolugo A Xunta de Goberno tamén ratificou o acordo marco para a constitución do Foro Prolugo que será o encargado de elaborar o Plan Estretéxico da provincia. Este acordo marco foi asinado o 16 de novembro polos máximos responsables da Deputación de Lugo, a Fundación Caixa Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo), Concello de Lugo, Confederación de Empresarios e Cámara de Comercio. O obxectivo do Foro Prolugo é “mellorar a capacidade competitiva da provincia activando os seus sectores clave, fomentando o seu desenvolvemento tecnolóxico, a formación empresarial, así como a mellora da cualificación profesional e técnica do seu capital humano, a integración territorial e a mellora das infraestruturas culturais, educativas e de comunicación”. Outros acordos da Xunta de Goberno Por outra banda, aprobouse a contratración dun novo subministro de sal para os 12 silos que ten ubicados a Deputacion en Cervantes, Becerreá, O Courel, Ribas de Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Meira, O Incio, Valadouro, Ouro, Lugo e Pedrafita do Cebreiro. Destínanse 30.000 euros que se suman á mesma cantidade que fora contratada este outono para este fin. Ata o momento empregáronse 600 toneladas de sal nas estradas provinciais para atender as incidencias por mor das xeadas e nevadas. A Xunta de Goberno tamén aprobou as obras de acondicionamento do núcleo de A Millara, no concello de Patón, ás que se destina 38.651 euros. Ademais, ratificouse o decreto polo que se concede unha subvención de 73.102 euros ó Concello de Sarria para colaborar nos gastos de execución das obras de pavimentación e servizos da vía de enlace da zona escolar coa LU-6333.