Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo ábrese por primeira vez ó
Arde Lucus

Imaxe deputación de lugo
Os xardíns do Pazo de San Marcos e o aparcadoiro do INLUDES, zonas de partida das tropas romanas

A Deputación de Lugo colabora por primeira vez esta ano coa celebración do Arde Lucus MMVIII. Deste xeito, o organismo provincial quixo participar e apoiar os festexos cos que se lembra o pasado da cidade aportando os xardíns do Pazo de San Marcos e o aparcadoiro do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES). Neste senso, os lugares indicados convertiranse no punto de entrada e saída das tropas que esta fin de semana invaden a cidade e que participan esta noite na batalla final entre celtas e romanos. Deste xeito, as tropas, que se darán cita na grande loita, partirán dos xardíns da Deputación ó redor das 23:30 horas para dirixirse á zona peonil da Ronda Muralla, lugar no que está previsto que se produza o gran enfrontamento entre o pobo celta e o romano media hora máis tarde. Asimesmo, o aparcadoiro do INLUDES será o punto de entrada e saída dos cabalos que forman a tropa Legio Nova Invicta. A perfecta ubicación dos dous lugares, o INLUDES pola súa proximidade á Muralla e os xardíns de San Marcos por atoparse no centro da cidade, contribúen a dar un maior dinamismo ós actos que integran esta nova edición da festa do Arde Lucus, organizada pola Concellería de Xuventude do Concello de Lugo. Nesta ocasión, o organismo provincial quixo sumarse á celebración da festa que, nesta edición, conta con máis de 250 actividades. A colaboración entre Deputación e Concello simboliza as novas relacións que unen a ámbalas dúas institucións, e que se reflicten noutros proxectos comúns como é o caso do Plan Urban.