Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación promocionará a provincia de Lugo en China

Lara Méndez participou no Consello Económico e Social do Concello de Lugo que aprobou por unanimidade esta viaxe

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este martes nunha xuntanza do Consello Económico e Social do Concello de Lugo, presidida polo Alcalde, José López Orozco, na que se deu a coñecer a axenda institucional da viaxe oficial a China que comezará este mércores 18 de xuño. Lara Méndez participará nesta viaxe, organizada conxuntamente polo Concello, a Deputación, a Universidade de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio de Lugo. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, que promoveu a visita ó parque empresarial Eurochina Investment incluída dentro do programa, aproveitará esta viaxe para promocionar a nosa provincia en China e apoiar a iniciativa de empresarios lugueses no xigante asiático. Axenda institucional O xoves 19 de xuño, día da chegada da delegación a Shanghai, comezarán os encontros continuos con autoridades e empresarios do país para presentarlles Lugo. A chegada está prevista ás 9 da mañá (hora chinesa). Xa ás 18:30 horas o Alcalde, a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, e a Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, serán recibidos por autoridades locais. Posteriormente, asistirán a unha xuntanza sobre novas tecnoloxías con representantes da Casa de España en Shanghai. O venres 20 de xuño a xornada comezará ás 9:00 horas cun encontro con empresarios e residentes españois, e non rematará ata as 20:00 horas cunha xuntanza coa colonia da Casa de España en Shanghai da que forman parte arredor de 500 persoas de orixe chinesa e española. O sábado 21 de xuño, entre outros actos, terá lugar a visita ao parque empresarial Eurochina Investment, xerenciado por un galego. Trátase dunha das apostas máis fortes do empresariado español en China cunha superficie de máis de 200.000 metros cadrados e unha ampliación en marcha de 1.132.200 metros cadrados. Ese mesmo día están previstas varias visitas institucionais ao porto de Ma´anshan, de acceso restrinxido para visitas oficiais, e varios encontros con empresarios da zona. O domingo terá lugar o acto máis esperado: o irmandamento entre a Muralla Romana de Lugo, Patrimonio da Humanidade dende o ano 2000, e a Gran Muralla China, en Quinhuangdao, unha cidade de máis de 6 millóns de habitantes onde ten a súa orixe a Gran Muralla. O luns continuará a axenda institucional con visitas a universidades e a varios centros económicos en Quinhuangdao, así como encontros oficiais con autoridades da zona para presentarlles a cidade de Lugo e a súa provincia. O martes e o mércores están previstos novos encontros e visitas e terá lugar o percorrido da delegación pola Gran Muralla con autoridades de Beijing, para oficializar o irmandamento. Xerme da iniciativa A iniciativa naceu como consecuencia do irmandamento simbólico realizado entre a Muralla romana de Lugo e a Gran Muralla China que tivo lugar o pasado mes de outubro, cando o Embaixador de China en España, Quiu Xiaoqui viaxou ata Lugo para coñecer o monumento máis importante da cidade. Deste xeito, grazas á muralla luguesa o pobo chino interesouse pola cidade e comezaron os trámites desta viaxe que se realizará desde o 18 ata o 26 de xuño. China é na actualidade a cuarta potencia económica mundial, conta con 1.500 millóns de habitantes dos cales 300.000 millóns son potenciais turistas e compradores para Europa. China é un xigante exportador, que descoñece a maioría dos produtos e as empresas galegas. Esta viaxe, na que o apoio institucional xoga un papel clave, servirá como carta de presentación desta provincia e do empresariado lucense. A poboación chinesa é unha grande defensora das tradicións e dos costumes ancestrais, por iso a cultura galega será moi ben acollida polas súas xentes. En cada recepción haberá unha actuación do grupo folclórico Cántigas e Frores que acompaña ás autoridades. A viaxe, que terá unha duración de sete días, permitirá achegar o nome de Lugo, a cultura galega e o rico patrimonio desta provincia a un país que descoñece as posibilidades que ofrece esta terra. Trátase dunha oportunidade empresarial, cultural e turística de negocio, para unha cidade coma Lugo que grazas á súa muralla soará en China. Empresas participantes Nesta viaxe participan 10 empresas lucenses e da provincia seleccionadas pola Cámara de Comercio de Lugo: Azkar, Farmadismo, Ingapan, Norviu, S.L., Bombas AGP, Industrial Recense (de A Pontenova), Ovisa Pavimentos y obra, Grúas y transportes Castelao, Cofrico, S.L. (Burela) e Castañas Naciciña (Chantada). Os empresarios que viaxan na comitiva, terán tamén unha axenda de traballo diaria adaptada ós seus obxectivos, que está a elaborar a Cámara lucense. Esta iniciativa conta ademais co importante apoio dos Embaixadores de España en China, Carlos Blasco e de China en España, Quiu Xiaoqui.