Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación o Alcalde de Lugo asinan a colaboración das entidades para obter o Plan Urban para Lugo

Gómez Besteiro afirma que a Deputación debe apoiar un proxecto que “é a guinda” do proceso de recuperación do Casco Histórico

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, foi recibido este luns no Concello de Lugo nun acto presidido polo Alcalde da cidade, José López Orozco, e no que tamén participaron os voceiros dos tres grupos municipais. Durante a visita oficial, Gómez Besteiro e López Orozco asinaron o Protocolo de adhesión para conseguir o Plan Urban. O titular da institución provincial asegurou que “hai proxectos nos que a Deputación debe estar. A cidade de Lugo irradia a súa forza ó resto da provincia e, por tanto, o que é bo para Lugo beneficia ó resto dos Concellos”. O Presidente da Deputación lembrou o traballo que se está a realizar nos últimos anos na recuperación do Casco Histórico “e agora poñemoslle a guinda cun proxecto que vai mais alá da rehabilitación urbanística”. O Alcalde de Lugo, José López Orozco destacou a colaboración entre as institucións, “non é un proxecto nin do Concello nin da Deputación senón do conxunto dos cidadáns de Lugo, avaliado e desenvolvido polos membros das actuais Corporacións municipal e provincial. Os dous mandatarios lembraron a importancia do traballo en equipo. “Ninguén é protagonista; todos somos coprotagonistas”, dixo Gómez Beteiro, e López Orozco explicou que con este acordo “ninguén gañou, nin ninguén perdeu, gaña a cidade de Lugo. Queremos que na medida que se desenvolva Lugo favoreza o desenvolvemento provincial”. Reactivación do Centro histórico O Plan Urban é un programa europeo que forma parte da convocatoria Iniciativa Urbana que leva a cabo o Ministerio de Economía e Facenda, e que permitirá a reactivación do Centro histórico da cidade e a revitalización do seu comercio, da súa actividade económica. Na súa redacción levan traballando máis de seis meses os técnicos da Concellería de Emprego, que dirixe Sonia Méndez. Esta iniciativa inclúe melloras no centro histórico, un plan de mobilidade, aposta polo comercio lucense e sobre todo a recuperación do vello cárcere como centro cultural polivalente, que será o núcleo sobre o que se desenvolverá todo o proxecto. O protocolo de adhesión asinado recolle o compromiso dos dous organismos asinantes da posta en marcha de estratexias innovadoras de rexeneración económica e social do centro histórico de Lugo, mediante un enfoque integrado e que favoreza un desenvolvemento urbano sostible dacordo aos principios e orientacións estratéxicas das políticas comunitarias. O obxectivo deste protocolo é regular a colaboración entre o Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo para a realización do Urban, sempre e cando se conceda a subvención solicitada ao Ministerio de Economía e Facenda no marco da convocatoria de Iniciativa Urbana. O Concello solicitará a cantidade máxima para o desenvolvemento desta iniciativa, e que é de 16.244.787€. Desta cantidade, 9.271.351€ corresponden á financiación aportada polos Fondos FEDER, 3.973.436€ ao Concello de Lugo e 3.000.000€ á Deputación Provincial. O prazo de solicitude deste plan remata o 31 de xaneiro e previsiblemente coñecerase a decisión de quen obtén o Urban no mes de abril. A cidade de Lugo xa optou noutras dúas ocasións ao Urban, con anteriores Corporacións e non o obtivo en ningunha desas dúas convocatorias. A aposta do Concello nesta ocasión é moi forte e conta coa adhesión de numerosas institucións lucenses que apoian a proposta e permiten que teña máis forza en Europa. Recepción oficial O Presidente da Deputación foi recibido polo Alcalde cunha cariñosa aperta na entrada da Casa Consistorial e a continuación saudou ós voceiros dos grupos municipais. No Libro de Ouro do Concello agradeceu “desde o máis profundo do meu corazón o recibimento que me prestou o meu Alcalde e amigo e todos os compañeiros de Corporación do Concello de Lugo”. Gómez Bestesito avogou por afondar “no valor máis importante da acción política de goberno: a confianza, o cal redundará na estreita colaboración na procura do noso obxectivo común, ese gran proxecto que é Lugo e a súa provincia”.