Deputación de Lugo

O equipo do Estudiantes - Balogal foi recibido na Deputación tras asegurar o seu recente ascenso de categoría

O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, foi o encargado de recibir ao plantel do equipo que o próximo ano militará na categoría A do circuíto SUB-20

Os compoñentes do equipo Estudiantes BALOGAL SUB 20 foron recibidos na Deputación de Lugo tras asegurar, matematicamente, o seu ascenso ao Circuito SUB 20 do Campionato de España onde poderán medirse, na próxima campaña, con moitos dos filiais dos mellores equipos da ACB. O Estudiantes BALOGAL SUB 20 participou, xunto co Lucentum Alicante, o Surne Bizkaia Basket, e C.T.I.B (Centro Tecnificación Illes Balears), na última concentración, en Bilbao,da serie B do Circuito SUB 20 do Campeonato de España organizado pola ACB e a Federación Española de Baloncesto. Grazas aos resultados acadados nesta concentración o Estudiantes BALOGAL SUB 20 clasificouse para xogar, a próxima tempada, na serie A do circuíto sub-20. O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, recibiu no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos ao plantel do Estudiantes BALOGAL SUB 20. Os xogadores estiveron acompañados polo presidente de Estudiantes, José Antonio Caneda, polo presidente da Fundación Balogal, Raúl López, e polos voceiros dos grupos políticos con representación na corporación da Deputación. O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, destacou a importancia do traballo realizado pola Fundación Balogal e polo Clube Estudiantes na base do baloncesto lucense. Antón Bao deulle a benvida ao Estudiantes BALOGAL afirmado que “é unha satisfacción para a institución que represento abrir as portas, unha vez máis, para recibir a deportistas lucenses que acadan o merecido recoñecemento ao seu esforzo e que estou seguro representarán perfectamente a Lugo e a Galiza na nova andaina que os levará a competir cos mellores equipos de baloncesto do estado”.