Deputación de Lugo

O Museo de Lugo toma partido en favor das persoas con discapacidade.

A partir de hoxe a porta principal do museo está aberta para todas e todos,

Especialistas en museografía e accesibilidade participarán en Lugo nunhas xornadas sobre relación entre museos e persoas con capacidades diferentes LUGO, 28 DE NOVEMBRO. Os actos organizados polo Museo de Lugo, co gallo do DÍA MUNDIAL DA DISCAPACIDADE, que se celebra o vindeiro 3 de decembro, foron presentados en rolda de prensa polo responsable da Área de Cultura e polo vicepresidente da Deputación. O vindeiro 3 de decembro será o Día Mundial da Discapacidade, con esta celebración pretendese acadar o recoñecemento pleno e de igualdade na participación na sociedade de todas as persoas con diferentes capacidades. Antonio Veiga, como responsable da Área de Cultura, incidiu na implicación que a rede museistica ven mantendo cos colectivos e asociacións de discapacitados/as físicos, sensoriais e psíquicos nos últimos anos. Antonio Veiga sinalou a importancia de manter unha estreita relación cos diferentes colectivos para coñecer de primeira man as súas problemáticas específicas e indicou que: “Queremos mellorar a relación que os museos teñen cos colectivos de discapacitados/as, pois consideramos que é a única forma de avanzar e traballar de xeito conxunto entre todos os sectores implicados”. Nesta liña a área de cultura da Deputación aposta por actuar dun xeito efectivo ante problemáticas concretas, según Veiga “non se trata de acuñar slogans se non de realizar accións concretas con efectos visibles inmediatos ”. O vicepresidente da deputación presentou a instalación do novo sistema de acceso ao Museo de Lugo. Segundo Antón Bao “a accesibilidade, pola porta principal do museo, queda garantida dende hoxe para todos e todas”. Instalouse unha rampa dende a praza da soidade ata o atrio do edificio do museo. Esta rampa, no deseño da cal participaron activamente os colectivos de discapacitados, permite o acceso a todos e todas ao museo e á igrexa de San Pedro. Para que todas as persoas poidan acceder ao edificio do museo instalouse, tamén, un elevador mecánico. Á espera de artellar unha solución definitiva á accesibilidade do museo, instalouse este sistema de xeito provisional. Segúndo Antón Bao “esta é unha solución transitoria, pero inmediata, que sitúa ás persoas por riba da burocracia”. Capacidades diferentes. Museos sen límites Capacidades diferentes. Museos sen límites é o título das xornadas que se presentaron na rolda de prensa celebrada Museo. Estas xornadas son o froito da xuntanza de traballo mantida o pasado 17 de novembro e na que participaron, ademais dos representantes de colectivos de discapacitados, o vicepresidente e o responsable da área de cultura da Deputación de Lugo. Según Veiga “a accesibilidade é unha cuestión que vai máis alá das barreiras arquitectónicas, compre traballar en aspectos que garantan un acceso á cultura en condicións de igualdade a todos os cidadáns e cidadás.” Nestas xornadas participarán especialistas de recoñecido prestixio no eido da accesibilidade e da museografía. Estarán presentes Marta Miró i García, ex- técnico de Divulgación de Museos, Miguel Moreno, coordinador do Museo Tifolóxico da Once ou Margarita Belinchón García, directora do Museo de Ciencias Naturais de Valencia. Esta xornada pretende ser un foro de reflexión e debate sobre a relación dos museos cos colectivos de capacidades diferentes. 7º Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade A conmemoración do VII aniversario da declaración da Muralla como patrimonio da humanidade estará protagonizada, no museo, por unha conferencia, a cargo de Enrique Alcorta Irastorza (Arqueologo do Museo), que terá como título A muralla romana de Lugo: Un patrimonio vivo. Esta conferencia celebrarase o xoves, 29 de novembro ás 19:00 horas. Lembrar que esta declaración foi un traballo conxunto da sociedade lucense, un traballo que se converteu nun éxito colectivo do que todos e todas temos que gabarnos e sentirnos orgullosos e orgullosas. A través desta actividade, desde a Área de Cultura, queremos reflexionar sobre as consecuencias desta declaración, así como sobre os achádegos e coñecementos que de cotío xurden arredor do seu estudo.